Deputación de Lugo

Lugo será o plató da película Hotel Almirante na que colabora a Fundación TIC

Imaxe deputación de lugo
- Catro bolseiros da Escola de Imaxe e Son participarán na gravación grazas ao convenio con Formato Producciones, que rodará a partir do 27 de outubro no centro de Lugo cun orzamento de 750.000 euros e un equipo de máis de 150 persoas - Gómez Besteiro explicou que a Film Commission da Fundación TIC  “traballou para que a nosa provincia siga captando producións cinematográficas e audiovisuais coma esta despois de “Todos os Santos”, “Triste soledad de un violinista” ou “Deil” - A película, baseada na novela homónima da lucense Marta Rivera de la Cruz, será emitida en dous capítulos na televisión. No reparto destacan os actores lucenses Mariana Expósito e Antonio Mourelos, baixo a dirección de Antonio Cuadri

A Fundación TIC, a través da súa Film Commission, colaborará na rodaxe da película Hotel Almirante, baseada na novela homónima da lucense Marta Rivera de la Cruz, que se gravará a partir do 27 de outubro no centro de Lugo cun orzamento de 750.000 euros e un equipo de máis de 150 persoas. Esta colaboración é posible grazas ao convenio con Formato Producciones, asinado este venres polo Presidente da Deputación e da TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o máximo responsable da produtora e presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé. Ao acto tamén asistiron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o director e guionista, Antonio Cuadri, e dous dos actores, os lucenses Mariana Expósito e Antonio Mourelos.

Gómez Besteiro destacou a importancia deste tipo de colaboracións “tanto dende o punto de vista da formación práctica dos nosos alumnos como da promoción da provincia, xa que boa parte das escenas se rodarán no centro de Lugo”. Anunciou que “titulados de Realización e Produción da Escola  de Imaxe e Son participarán na rodaxe. Ademais os alumnos asistirán á gravación dalgunhas escenas para coñecer in situ as interioridades dunha produción audiovisual deste nivel e recibirán Masterclass relacionadas coa gravación da serie”.

Lugo, plató de rodaxe
A película será emitida en televisión en dous capítulos de 90 minutos de duración cada un, como destacou Andrés Barbé. Rodarase a partir do 27 de outubro durante cinco semanas en varias localizacións de Lugo e A Coruña. Na cidade amurallada, un equipo de 45 profesionais traballará durante 15 días. Hai que sumarlle os figurantes, todos de Lugo. En total, máis 150 persoas, que devolverán ao casco histórico a mediados do século XX.
O Presidente da Fundación dixo que “a Film Commission da Fundación TIC en Lugo, traballou para que a nosa provincia siga captando producións cinematográficas e audiovisuais coma esta despois de “Todos os Santos”, “Triste soledad de un violinista” ou “Deil””. O investimento da película redundará nas empresas galegas xa que Hotel Almirante “é un proxecto clúster. Case todas as empresas que traballan neste proxecto forman parte do Clúster Audiovisual de Galicia”, destacou Barbé.

 A Deputación cederá espazos provinciais e aparcadoiros para facilitar o traballo e almacenamento de material. Tamén o Concello colaborará activamente na gravación das escenas en diferentes rúas da cidade. Esta oportunidade foi cualificada polo Alcalde de Lugo como un “luxo para Lugo, unha auténtica sorte”. Orozco tamén destacou o papel do turismo de rodaxe e sinalou que “é unha maneira espléndida de poder explicar o que é a nosa cidade”.

Equipo técnico e artístico
No reparto da película destacan os actores lucenses Mariana Expósito e Antonio Mourelos,  baixo a dirección de Antonio Cuadri, que conta cunha ampla experiencia na realización de audiovisuais. Foi codirector de Lo+Plus e dirixiu varios capítulos de Manolito Gafotas, Cuéntame como pasó e Al salir de clase, entre outros traballos.

En canto ao produtor executivo, Andrés Barbé, foi o responsable da produción das longametraxes Divertimento (2000), Mía Sarah (2006) e Vivir para siempre (2010) e de sete películas para televisión. É membro da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España e Presidente do Clúster Audiovisual Galega, do que forma parte a Fundación TIC.
Pola súa banda, a lucense Marta Rivera de la Cruz acadou destacados recoñecementos como escritora: finalista do Premio Planeta 2006 con “El tiempo de prodigios”  e gañadora do Premio de Novela Ateneo Joven de Sevilla por “Que veinte años no es nada”, entre outros galardóns. Varias das súas novelas, como é o caso de “Hotel Almirante” están ambientadas en Ribanova, unha cidade imaxinaria, inspirada en Lugo.
Argumento de Hotel Almirante
Na cidade galega de Ribanova, aparece en 1948 o cadáver dunha moza nunha habitación dun hotel rexentado por Rosalía Leal. As primeiras evidencias da policía confirman que se trata dun suicidio, pero a publicación no xornal local dunha carta da suicida, implican sentimentalmente a Javier, pertencente a unha poderosa familia da cidade, os Aldao, pero enfrontado politicamente ao seu pai ao ter militado no bando republicano. Estes sucesos e a chegada á cidade de Javier Aldao, desencadearán a trama que se gravará en Lugo.