Deputación de Lugo

A Deputación cederá o edificio do antigo Hospital de San José para fins sociais

- Gómez Besteiro avanzou que a vindeira Xunta de Goberno aprobará as bases da convocatoria pública para que asociacións e entidades sen ánimo de lucro poidan desenvolver a súa actividade facendo uso da totalidade das instalacións - A adxudicación concederase valorando criterios como a finalidade humanitaria; a atención a persoas con necesidades especiais; o nº total de usuarios beneficiados na provincia, e a solvencia económica do proxecto - Gómez Besteiro lembrou que no 2011 a Deputación, coa colaboración do Concello, tentou incluír o edificio na Rede Nacional de Paradores, pero malia a positiva valoración do complexo polos responsables da Rede, non presentaron oferta xustificándoo coa súa situación económica

A Deputación de Lugo cederá gratuitamente as instalacións do antigo Hospital de San José para usos sociais e públicos por parte de entidades e asociacións sen ánimo de lucro, tal e como vén de facer cos bens mobles que se atopaban no seu interior. Así o anunciou hoxe o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, durante o encontro que mantivo cos participantes nos cursos de informática para maiores que organiza a institución provincial no Centro de Innovación Social InLugo.

Gómez Besteiro avanzou que está previsto que na vindeira Xunta de Goberno, que se celebrará o venres 12 de setembro, queden aprobadas as bases que rexerán a convocatoria pública, dirixida a asociacións e entidades sen ánimo de lucro cun proxecto serio, para que poidan facer uso da totalidade do edificio para o desenvolvemento da súa actividade.

O Presidente destacou que “o obxectivo último de todas as iniciativas que a Deputación de Lugo en marcha son as persoas; a busca do máximo beneficio para o conxunto de todos e cada un dos veciños da provincia, con independencia de onde residan e cales sexan as súas idades, capacidades e oportunidades”, razón pola cal o organismo provincial “leva anos traballando para buscarlle unha utilidade a este singular edificio, poñer en marcha un proxecto que redunde en beneficio da cidade e, en consecuencia, da provincia, e que priorice a creación de novos postos de traballo”.

Convocatoria pública no BOP
Unha vez aprobadas en Xunta de Goberno, as bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia -previsiblemente este mesmo sábado-, e todas as entidades interesadas en aproveitar as instalacións do antigo hospital poderán facer a súa solicitude presentando os seus proxectos. Estas solicitudes serán valoradas atendendo a criterios que primarán, por exemplo, o feito de que a actividade que desenvolvan contribúa a dinamizar a propia cidade a través dunha finalidade social e humanitaria; que traballen para o desenvolvemento do ben común, atendendo especialmente a colectivos ou persoas con necesidades especiais, así como a outros aspectos de contido máis formativo, cultural ou lúdico. Tamén se valorará o número total de usuarios beneficiados na provincia, así como a experiencia consolidada e a solvencia económica e financeira do proxecto presentado, co fin de asegurar a viabilidade do aproveitamento do edificio na súa totalidade.

Unha vez resolta a adxudicación, a entidade seleccionada terá que facerse cargo da inversión para afrontar as posibles adaptacións necesarias para o desenvolvemento da súa actividade. Ó igual que no caso da cesión dos bens inmobles, as entidades interesadas deberán acreditar que destinarán o edificio á promoción e ó desenvolvemento da súa actividade.

Traballando dende 2011
Gómez Besteiro lembrou que, xa no 2011, a Deputación buscou unha saída viable a estas instalacións, en concreto para o uso hoteleiro dentro de Rede de Paradores de España. A instancias da Deputación, e coa colaboración do Concello, presentouse o inmoble ós representantes de dita Rede, coa intención de facilitarlles a adquisición nunhas condicións que poderían ser vantaxosas para o conxunto da cidade. Pero, malia a positiva valoración que Paradores fixo deste complexo en canto ó seu tamaño; ubicación; facilidade de aparcamento e xardíns pechados, finalmente non chegaron a presentar ningunha oferta, xustificándoo coa súa situación económica.