Deputación de Lugo

Aberto o prazo para participar no Artesanfroilán 2014

Imaxe deputación de lugo
- Os artesáns interesados xa poden presentar as súas solicitudes. As instancias terán que entregarse no Rexistro Xeral da Deputación ou por correo ordinario ata o vindeiro 2 de setembro. O modelo de solicitude está dispoñible en www.deputacionlugo.gal - A 18ª edición do Artesanfroilán contará con 26 stands, o 80% dos cales está reservado para profesionais lucenses, deixando o 20% restante aberto á participación de artesáns procedentes doutros puntos, sempre e cando reúnan as condicións especificadas nas bases - Artesanfroilán é unha das feiras máis rendibles do sector posto que, a cambio de abonar unha pequena cantidade –un terzo do custe de participación noutras feiras similares-, os artesáns participan nunha mostra cun volume de negocio que adoita rondar os 100.000 euros en cada edición

A Deputación ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na 18ª edición do Artesanfroilán, a feira de artesanía que pon en marcha a través do Centro de Artesanía e Deseño para promocionar a artesanía lucense aproveitando a considerable afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán, festa de Interese Turístico Nacional. Artesanfroilán 2014 celebrarase entre os días 4 e 12 de outubro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.

Os artesáns interesados poden presentar dende hoxe as súas solicitudes de participación, tal e como se indica nas bases publicadas o pasado sábado, 23 de agosto, no Boletín Oficial da Provincia. O prazo será de 10 días naturais e as intancias pódense descargar na web www.deputacionlugo.gal. Estas deberán entregarse debidamente cubertas no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben por correo ordinario.

Ditas solicitudes deberán ir acompañadas dunha fotocopia da Carta de Artesán ou documento análogo expedido pola autoridade competente, fotocopia do DNI ou do NIF da empresa, 3 fotografías dos artigos que se presentarán na feira e 1 fotografía do posto que se ten previsto instalar. Unha comisión técnica de avaliación resolverá este concurso público en setembro.  

O 80% dos postos, reservados a artesanía da provincia
A carpa do Artesanfroilán, que un ano máis ocupará o seu lugar habitual na praza Anxo Fernández Gómez, situada a carón da Casa Consistorial, contará con 26 stands, nos que se dará a coñecer o traballo dos artesáns lucenses en todas as disciplinas posibles e en representación de todas as comarcas da provincia. De feito, o 80% dos postos están reservados para profesionais lucenses, deixando o 20% restante aberto á participación de artesáns procedentes doutros puntos, sempre e cando reúnan as condicións especificadas nas bases.

Para a selección dos participantes, a Comisión Técnica encargada non só terá en conta a calidade do traballo dos artesáns aspirantes, senón que tamén contemplará outros criterios como a sostenibilidade e a innovación do proceso produtivo, ou o respecto polo medio ambiente a través do emprego de materiais e substancias de orixe natural.

Unha das feiras más rendibles
O Artesanfroilán é unha das feiras máis rendibles do sector, posto que os artesáns presentes só teñen que abonar unha pequena cantidade –un 360 euros-, o que supón unha terceira parte do custe de participación noutras feiras de similares características para estar presentes nunha mostra que conta con milleiros de visitas, capaces de xerar un volume de negocio que ronda os 100.000 euros en cada edición.