Deputación de Lugo

Unha trintena de colectivos lucenses sen ánimo de lucro participaron no sorteo dos bens mobles do San José

- Foron asociacións sociais, como as de enfermos de alzheimer, vítimas de violencia de xénero ou inmigrantes; así como culturais, deportivas e veciñais, e ata un colexio público - Son case 400 os bens mobles que cede a Deputación: 90 sorteados que pediron varios colectivos e 300 obxecto dunha única solicitude que recibirán distintas asociacións - Segue aberto o prazo de presentación de propostas para que entidades sen ánimo de lucro reutilicen as instalacións do antigo hospital San José, dándolles un uso social

A Deputación celebrou este xoves o sorteo público dos 90 bens mobles do San José que foron solicitados por varios colectivos lucenses sen ánimo de lucro. Trátanse de aparellos de rehabilitación, camillas, sillóns, sillas, mesas, taquillas, arquivadores, biombos, estanterías metálicas, entre outros. Optaron a este mesmo material unha trintena de asociacións sociais, como as de enfermos de alzheimer, vítimas de violencia de xénero ou inmigrantes; así como culturais, deportivas e veciñais, e ata o colexio público IES Ánxel Fole de Lugo.

A estes 90 bens mobles engádense outros 300 que non entraron no sorteo, posto que non foron obxecto de máis dunha solicitude e serán adxudicados directamente ás distintas asociacións que os pediron.  Por exemplo, o Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo recibirá un megatoscopio do San José, que incorporará á clínica gratuíta que ten previsto abrir, porque foi o único colectivo que o solicitou.  

A trintena de asociacións que participaron no sorteo foron os seguintes: Club de Tenis Muimenta; Asociación Aquilino Iglesias Alvariño. Muimenta; Asociación A Fientosa; Asociación Lucense de Escleroris Múltiple (ALUCEN); Asociación de Alzheimer de Lugo (AFALU); Asociación Cultural Civitas Lucensis; Fundación Secretariado Gitano Lugo; Club de Tiro Real Aeroclub de Lugo; Asociación de Tiradores de Galicia. Lugo; Asociación As Lombas; IES Ánxel Fole; Club de Tiro San Froilán; Asociación Cultural Trebas Galaicas; Sociedad Protectora de Animales y Plantas de Lugo; Asociación de Veciños Santomé de Gaioso. Outeiro de Rei; Asociación O Banquiño Lucense. Lugo Porteiros; Fundación Afan.Lar; Asociación de Mulleres Luguesas Violencia de Género. Enriqueta Otero; Asociación de Veciños Santiago Espasandre. Castroverde; Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua. Vilalba; Asociación Cultural Sociedade Micolóxica Lucus; Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva dos Xogos de Muimenta, Xotramu; Asociación de Veciños Xente de Xustás. Cospeito; Asociación Lucense de Ayuda a Enfermos Mentales (ALUME); Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo; Asociación de Inmigrantes e Retornados Rioplantenses; e Asociación de persoas Sordas de Lugo (ASORLU).

Aproveitamento público e social
O organismo provincial puxo en marcha un concurso público para a cesión gratuíta dos bens mobles do San José co obxectivo do seu aproveitamento público e social. Por este motivo, dirixiu este proceso a colectivos lucenses sen ánimo de lucro, que empregarán este material para o desenvolvemento da súa actividade.

Tras os bens mobles, a Deputacion fixo o mesmo co inmoble e abríu un novo concurso para a súa cesión co fin de reutilizalo cun uso social. Poden presentar as súas propostas entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou de interese social, que poidan estar interesadas na adxudicación da concesión para o aproveitamento da totalidade do inmoble co fin de utilizalo para a explotación dos fins que lle sean propios. A súa actividade terá que estar dirixida principalmente ós veciños de toda a provincia de Lugo; debe perseguir unha finalidade social, humanitaria ou comunitaria para o progreso, desenvolvemento ou ben común da sociedade, especialmente de colectivos e persoas con necesidades especiais ou vulnerables; ou ben estar destinada a cubrir outros aspectos da sociedade de contido formativo, cultural, social ou lúdico; ademais de promover a dinamización da cidade de Lugo