Deputación de Lugo

A Deputación completa con 319.000 euros o investimento en materiais de aforro enerxético para 37 Concellos

- Con esta última partida adquiriranse 1.709 dispostivos de baixo consumo, cos que os municipios de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao Plan Enerxético provincial conseguirán un aforro conxunto de 42.500 euros anuais na factura da luz - Esta nova compra, que inicialmente non estaba prevista, foi posible grazas aos remanentes que quedaron dispoñibles da primeira fase de adxudicacións, froito da “eficiencia do modelo de contratación que utilizamos”, destacou Martínez  - A Xunta de Goberno aprobou seleccionar a Sociedade Galega de Custodia do Territorio como entidade colaboradora da Deputación para preservar e impulsar o patrimonio natural e a biodiversidade das insuas do Miño e Ollos de Begonte

A Deputación de Lugo completou, cunha partida de 319.000 euros, o investimento en materiais de aforro enerxético para os 37 Concellos de todas as cores políticas que decidiron sumarse ao programa impulsado polo organismo lugués para axudar ás entidade locais a reducir a factura da luz. Segundo anunciou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, con esta última dotación económica, aprobada na Xunta de Goberno deste venres, adquiriranse 1.709 dispositivos de baixo consumo, grazas aos que os municipios conseguirán un aforro conxunto de 42.500 euros anuais nos gastos enerxéticos.   

Como nas anteriores ocasións, a maioría dos materiais adquiridos serán lámpadas de baixo consumo, reloxos astronómicos que serven para programar o acendido automático do alumeado, descargadores trifásicos para evitar picos de tensión eléctrica, redutores do fluxo lumínico e válvulas termostáticas.
 
Martínez subliñou que esta nova compra de material para os Concellos non estaba prevista inicialmente, “pero foi posible grazas aos remanentes que quedaron dispoñibles da primeira fase de adxudicacións; uns remanentes que conseguimos grazas á eficiencia do modelo de contratación que estamos utilizando”. O Deputado lembrou que, para executar este proxecto, a Deputación ten aprobado un acordo marco mediante o que pacta con 6 empresas a compra dos materiais, o que “nos permite obter prezos máis axustados e vantaxosos”. Deste xeito, engadiu Manuel Martínez, “demostramos unha vez  máis que na Deputación de Lugo sabemos optimizar recursos, xa non só sen ter que facer recortes, senón incluso mellorando as prestacións”.

A día de hoxe está instalado o 94% dos máis de 17.300 dispositivos de baixo consumo que temos adquirido para os 37 Concellos beneficiados polo Plan Enerxético, e os traballos quedarán completados no mes de decembro.

O investimento total que a Deputación destinou a esta liña de cooperación cos Concellos ascende a 1,1 millón de euros. Martínez recalcou que os municipios beneficiados “non tiveron que achegar nin un só euro, a diferencia dos programas enerxéticos da Xunta, que obriga ás entidades locais a pagar o 30% dos custes. Na Deputación dámoslles todo feito: auditorías e dotación de equipamentos”.

Os 37 Concellos que se sumaron ao Plan Enerxético son os seguintes: O Incio, Quiroga, Negueira de Muñiz, Pol, A Pobra do Brollón, Cervantes, Baralla, Monterroso, Abadín, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Palas de Rei, Sober, Portomarín, Láncara, Xove, Barreiros, Navia de Suarna, Riotorto, Pedrafita, Guitiriz, A Pastoriza, Castroverde, Becerreá, Rábade, Ribas de Sil, A Fonsagrada, A Pontenova, Guntín, Friol, Meira, Sarria, Trabada, Samos, Monforte de Lemos e Viveiro.

Pola conservación das Reservas da Biosfera
A Xunta de Goberno aprobou tamén a selección da Sociedade Galega de Custodia do Territorio como entidade coa que asinar un acordo de colaboración para desenvolver  labores de conservación das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, espazos que forman parte do territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Deste xeito, destacou o voceiro provincial socialista, “convertémonos na primeira administración de Galicia que pon en marcha un acordo de custodia do territorio”.

A selección desta entidade sen ánimo de lúcro baséase nos criterios técnicos e obxectivos recollidos na convocatoria aberta a todos os colectivos interesados que publicou o Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado día 4 de xullo.
 
Con esta iniciativa, que supón un paso máis na apertura á cidadanía da xestión das Reservas da Biosfera, a Sociedade Galega de Custodia do Territorio colaborará coa Deputación para preservar e impulsar o patrimonio natural e a biodiversidade destes espazos de Terras do Miño. “Por exemplo, tarefas para a protección da flora e a fauna, promoción dos valores naturais ou mellora das zonas de uso público… en definitiva, todas as actuacións deseñadas no Plan de Acción de Terras do Miño que buscan protexer e potenciar este espazo natural, recoñecido pola UNESCO”, explicou Manuel Martínez.

O acordo, que se asinará nas vindeiras semanas, terá unha vixencia de 4 anos –dende 2014 a 2017-, e supoñerá unha achega anual de 25.000 euros.

A Sociedade Galega de Custodia do Territorio foi constituída en Rábade no ano 2008. Hoxe é unha entidade de referencia na comunidade no eido medioambiental e desenvolve numerosas actividades de divulgación e conservación do patrimonio natural, ademais de proxectos como a recuperación do bosque natural dos Ancares.

Obras veciñais
A Xunta de Goberno aprobou ademais tres contas xustificativas de obras do Plan de Comunidades Veciñais do 2013 por 34.000 euros, que se corresponden con melloras en Sabugos (Pedrafita), Olveda (Antas de Ulla) e San Miguel de Villapercide (Trabada).