Deputación de Lugo

A Deputación aproba a cesión do San José a Aspnais

- A cesión do San José a fins sociais é un paso máis na posta en valor do patrimonio provincial, como a transformación do Hotel Miño na sede da Uned, da Gardería do Campus nun centro para autistas ou do Pazo de Tor nun centro de promoción económica do rural - A Unión Europea volta a premiar a xestión da Deputación, concedéndolle 25.000 euros de remanentes, que adicará a máis cursos para parados do Pacto Provincial polo Emprego - O organismo provincial financia con 850.000 euros melloras nas dotacións públicas municipais de Paradela, Rábade, Riotorto, Becerreá e Castroverde

A Xunta de Goberno aprobou a resolución do proceso de cesión do antigo Hospital San José. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou que Aspnais resultou ser o colectivo adxudicatario, que reutilizará a totalidade destas instalacións, dándolles un uso público e social, durante un prazo mínimo de 25 anos e un máximo de 75. 

Martínez explicou que se presentaron a este proceso un total de 6 colectivos: Asociación de Autónomos de Galicia (AUGA); Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU); Asociación Penitenciaria Lucenses Concepción Arenal; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR); Asociación Sinthomé; e Aspnais.

Os requisitos para garantir o uso público e social do San José foron: en primeiro lugar, que os participantes fosen entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou de interese social, que estivesen interesadas no aproveitamento da totalidade do San José cun uso social. Neste senso, cómpre destacar que non se descartaron as propostas para o uso parcial do inmoble, aínda que se puntuou a súa maior utilidade. “Non nos podemos permitir o luxo de ter edificios públicos abandonados, deteriorados e pechados, como fai a Xunta co Hospital Xeral, polos que temos que pagar cantidades millonarias con cartos públicos. Por exemplo, a Deputación paga 29.300 euros anuais polo IBI do San José”, remarcou o voceiro.

En segundo lugar, que a actividade dos participantes estivese dirixida, principalmente, aos veciños de toda a provincia, e que perseguise unha finalidade social, humanitaria ou comunitaria para o progreso e ben común da sociedade, especialmente, de colectivos con necesidades especiais ou vulnerables; ou ben destinada a cubrir aspectos de contido formativo, cultural, social ou lúdico; ademais de promover a dinamización de Lugo.

A proposta que acadou a maior puntuación foi a de Aspnais, que levará e ampliará os servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual, empregando, para elo, a totalidade das instalacións do San José.

Posta en valor do patrimonio
“A cesión do San José a fins sociais é un paso máis deste Goberno Provincial na posta en valor do patrimonio provincial que o Partido Popular deixou totalmente abandonado. Por exemplo, o antigo Hotel Miño, onde construímos a nova sede da Uned en Lugo; a gardería do Campus de Lugo, que cedemos a Raiolas para situar o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; ou o Pazo de Tor, que estamos a converter no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural”, subliñou Martínez.

Novo recoñecemento da Unión Europea
A Unión Europea vén de premiar, unha vez máis, a boa xestión dos fondos comunitarios da Deputación de Lugo, ao concederlle outros 25.000 euros co último reparto de remanentes. A Xunta de Goberno aprobou achegar este investimento á posta en marcha de máis accións formativas gratuítas do Pacto Provincial polo Emprego, dirixidas a desempregados lucenses. Estes cursos, que tamén serán remunerados e incluirán prácticas en empresas, engádense os 67 que xa se poden solicitar nas oficinas do Servizo Público de Emprego.  

Obras nos Concellos
A Deputación financia con máis de 850.000 euros obras de mellora nas dotacións públicas municipais de Paradela, Rábade, Riotorto, Becerreá e Castroverde. O organismo provincial achega a Paradela 96.000 euros do canon ao acondicionamento dos accesos aos núcleos rurais de Sesmonde, Villalbite, Cortes ao cruce de Pacios, Bacorelle-Vilachá, Cerxedo-Zouro-Matanza, Riocabo da Cima e San Martín. Martínez adiantou que estas actuación se porán en marcha de xeito inmediato, posto que a Xunta de Goberno aprobou o último trámite legal para poder facer: o plan de seguridade e saúde no traballo. A sesión tamén acordou as seguintes obras: en Rábade, mellora das piscinas públicas municipais, por valor de 86.000 euros; en Riotorto, acondicionamento de vías municipais e de ruta fluvial, por valor de 180.000 euros; en Becerreá, arranxo da rúa do Instituto, instalación dunha nova traída de auga en Torallo e acondicionamento de vías municipais, por valor de 372.500 euros; e en Castroverde, mellora do abastecemento de auga no núcleo rural de Vilacote, por valor de 116.000 euros.

Novo parque ambiental en Viveiro
A sesión acordou iniciar o proceso de contratación dos traballos de dotación dun novo parque ambiental en Viveiro. O orzamento destas actuacións, incluídas no programa medioambiental da Deputación Lug02, é de 144.000 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea. Estas obras consisten na eliminación da zona infantil existente ao fondo do paseo marítimo, posto que rexistra moito tráfico, e no acondicionamento deste espazo verde. Ademais, inclúen a instalación dun novo parque, tamén no paseo marítimo pero máis preto do casco histórico, de maiores dimensións, con novos aparello para nenos, cun rocódromo, 400 metros de caucho continuo e carteles informativos sobre a riqueza medioambiental da zona.