Deputación de Lugo

A Deputación dota ao Concello de Bóveda dunha estación de tratamento de auga potable

- Besteiro afirmou que “estas obras son de xustiza, pois benefician ao 80% da poboación e van encamiñadas a fixar poboación nunha zona castigada polo despoboamento” - As actuacións, que  superan os 380.000 euros, aprobaranse este venres na Xunta de Goberno tal e como informou o mandatario provincial - O organismo provincial instalará un novo depósito de auga, un decantador fisico-químico, impermeabilizará dous depósitos e ademais reporá tuberías na parroquia de Guntín

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López, informou este mércores que o organismo provincial dotará ao Concello dunha nova estación de tratamento de auga potable así como a reposición de tubaxes na parroquia de Guntín. Estas obras de “xustiza” tal e como afirmou o mandatario provincial “melloran o abastecemento de augas do 80 % da poboación do Concello, de aí a importancia dela”. Gómez Besteiro insistiu na “necesidade de dotar ao rural de infraestruturas e servizos para os veciños, co fin de mellorar a calidade de vida do veciños e fixar poboación”.

O organismo provincial, tal e como explicou o Presidente, construirá un novo depósito de auga de 400 m3. A obra inclúe un decantador físico-químico á entrada da depuradora para eliminar da auga substancias tóxicas e residuos sólidos, evitar a abrasión das bombas ou desgaste dos materiais así como potabilizar a auga. Do mesmo xeito, a institución provincial impermeabilizará dous depósitos de augas e dotará á parroquia lucense de Guntín dunha nova traída de augas. Estas actuacións teñen un orzamento que suma 386.155 euros.

Pola súa banda, o Alcalde de Bóveda agradeceu á Deputación a súa colaboración nesta obra “tan necesaria, dificilmente asumible para un Concello como o de Bóveda”.

Máis melloras
O Presidente da Deputación supervisou tamén o remate doutras obras no Concello por un valor superior aos 20.000 euros. Por unha banda, a institución provincial rehabilitou a Capela da Raíña, unha das actuacións máis demandadas polos veciños debido á tradición histórica do templo, así como a Capela de San Martín, na que se restauraron os teitos e muros. Do mesmo xeito, ampliou unha estrada de titularidade provincial tamén en San Martín, que tamén foi cuberta con emulsión de triple rego. Grazas a esta actuación do organismo provincial ampliouse a seguridade vial para que tractores e maquinaria poidan utilizar esta vía.