Deputación de Lugo

A Deputación destina 425.000 euros ao funcionamento das primeiras residencias de maiores

- Desta cantidade, 250.000 euros son para a contratación de persoal sanitario, limpeza, cociñeiros ou administrativos, e 175.000 euros para custes de auga, luz ou calefacción - É imprescindible que a Xunta conceda os permisos legais de apertura e prazas concertadas para cumprir coas previsións da Deputación: abrir 6 centros públicos para maiores e crear 60 novos postos de emprego durante o 2015 - O organismo provincial inviste 10,5 millóns de euros na construción das residencias e centros de día públicos de Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita, Ribas de Sil, Navia de Suarna e Guitiriz

O titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este xoves o Consello de Administración de Suplusa, no que se aprobou o seu orzamento para 2015. A principal novidade do novo presuposto deste organismo dependente da Deputación é a incorporación dunha partida de 425.000 euros para a posta en funcionamento das primeiras residencias e centros de día públicos da terceira idade. Desta cantidade, 250.000 euros son para a contratación de persoal e 175.000 euros para gastos correntes (luz, auga, calefacción..).

As previsións do organismo provincial son abrir 6 centros públicos para maiores e dar emprego a máis de 60 persoas para a súa atención (persoal sanitario, de limpeza, cociñeiros, administrativos...) ao longo do 2015. Isto non só dependerá do remate das obras, senón da concesión, por parte da Xunta de Galicia, dos permisos legais imprescindibles para a súa apertura e de prazas concertadas, que o Goberno galego si outorga a centros privados. 

Con respecto ás obras, as máis avanzadas son as dos centros públicos de Castroverde, Trabada e A Fonsagrada. O organismo provincial tamén executa as de Pedrafita do Cebreiro e Pol, ó tempo que está á espera do informe favorable da Xunta para poder comezar coas de Ribas de Sil. Ademais, agarda a futura modificación puntual do planeamento municipal de Guitiriz, que lle permita iniciar as da Casa da Botica. A Deputación propuxo a este Concello chairego redactarlle os documentos urbanísticos co fin de axilizar este proceso. A institución ultima o proxecto do centro para maiores de Navia de Suarna.

A Deputación achega 10,5 millóns de euros á construción das residencias e centros de día públicos de Castroverde, Trabada, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna e Guitiriz. Os Concellos, ademais de colaboran no financiamento mediante unha achega de 200.000 euros, teñen que aportar os terreos necesarios, así como as licenzas e servizos urbanísticos imprescindibles. 

Orzamento Suplusa
O orzamento de Suplusa para 2015 suma preto de 6,4 millóns de euros, aumentando nun 7,25% con respecto a este ano debido, precisamente, á incorporación da partida de 425.000 euros para a posta en marcha das primeiras residencias e centros día públicos. As restantes partidas son as seguintes:

  • 925.0000 euros para o mantemento das áreas verdes que xestiona a Deputación na provincia e que suman máis de 1.200.000 metros cadrados.
  • 250.000 euros para actividades de dinamización de ditas áreas verdes. Por exemplo, cursos gratuítos de formación, xornadas didácticas e lúdicas ou implantación de hortos urbanos, entre outras.  
  • 100.000 euros para a terceira fase do plan de mellora na contorna do río Rato e Fervedoira.
  • 55.000 euros para a escola de piragüismo.
  • 150.000 euros para a recuperación da Casona do Incio.
  • 535.940 euros para actuacións en impulso dos polígonos que construíu a institución en Begonte, Chantada, Castroverde, Paradela, Baleira, Ourol e Friol. Precisamente, a cantidade restante é, principalmente, para a amortización de préstamos concedidos para a realización de ditas áreas industriais.