Deputación de Lugo

Deputación e Academia Galega de Ciencias impulsan o proxecto de conservación da natureza Rede Natura 2000

- Sonsoles López Izquierdo e Antonio Rigueiro presentaron no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a 25º edición do ciclo de conferencia Dr. Luís Asorey García - As xornadas, compostas por un total de 7 conferencias, celebraranse entre os días 17 e 20 e 24 e 26 de novembro no edificio provincial - O prazo de inscrición está aberto e os interesados en participar deberán cubrir o formulario que se atopa no rexistro xeral da entidade

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Membro da Real Academia de Ciencias, Antonio Rigueiro, presentaron este xoves no Salón de Actos da Deputación a 25º edición do ciclo de conferencias Dr. Luís Asorey García, que organiza a Academia coa colaboración económica de 4.000 euros do organismo provincial. Nesta ocasión, o tema central das 9 charlas e conferencias será a Rede Natura 2000, o proxecto de conservación da natureza de maior importancia a nivel mundial que persegue conservar as especies e hábitats europeos que chegaron ata a actualidade.

Sonsoles López Izquierdo salientou que o organismo provincial colabora con esta iniciativa que se leva celebrando dende 1985 porque “axuda a establecer a riqueza e variedade natural da provincia como un dos puntos xeradores de emprego e riqueza na provincia”. A Deputada tamén quixo destacar que “analizamos as posibilidades económicas dos recursos naturais, xestionándoos de xeito responsable e coidando a flora e a fauna da provincia”.

Pola súa banda, Antonio Rigueiro, agradeceu a colaboración da Deputación e o compromiso que ten o organismo provincial coa Real Academia de Ciencias na organización deste ciclo de conferencias, que “axudarán a favorecer o desenvolver de xeito sostible do patrimonio natural do país”  

O prazo de inscrición está aberto. Os interesados en participar no ciclo de conferencias Luís Asorey que terá lugar no Salón de Actos da Deputación, deberán cubrir o formulario que se atopa no rexistro xeral da entidade e presentalo neste mesmo.

Programación gratuíta
O Ciclo Luís Asorey está dedicado á memoria deste prestixioso médico que desenvolveu a súa actividade profesional durante gran parte da súa vida en Lugo, pero tamén se converteu en académico, secretario e vicepresidente da Real Academia de Ciencias. As xornadas informativas, completamente gratuítas para os participantes, terán lugar entre o 17 e 20 e 24 e 26 de outubro no Salón de Actos da Deputación, todas en horario de tarde.

 Dentro das conferencias programadas destacan, entre outras, Plan Director da Rede Natura en Galicia, a cargo da Directora Xeral de conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Verónica Tellado Barcia; Conservar implicando á poboación local: modelos e propostas desde Custodia do Territorio, a cargo do Vicepresidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana Otero; A visión das organizacións ecolóxicas en relación á Rede Natura 2000, a cargo de Ex presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Adela Figueroa Panisse; Valoración do Estado de  conservación da Rede Natura 2000 en Galicia, a  cargo do Profesor Titular do Departamento de Botánica da USC, Pablo Ramil Rego; ou Os soutos e os bosques de ribeira: hábitats en perigo en Galicia, a cargo do Dr. Enxeñeiro en Montes, Catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC e Membro de Número da Real Academia Galega de Ciencias, Antonio Rigueiro Rodríguez.