Deputación de Lugo

A Fonsagrada e Baleira acolleron novas reunión informativas do Pacto provincial polo Emprego II da Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
- Lara Méndez e Álvaro Santos estiveron nestes Concellos continuando presentando o programa de inserción laboral da Deputación aos veciños de toda a provincia
- O Pacto polo Emprego II ofrecerá 27 accións formativas gratuítas para 405 participantes da zona centro, nos que os interesados xa poden inscribirse
- Para iso, só teñen que achegarse ata a súa Oficina de Emprego e comunicar que desexanparticipar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088

A Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, acompañada do Deputado Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, presentaron hoxe o Pacto Provincial polo Emprego II en dous encontros celebrados cos veciños dos Concellos da Fonsagrada e Baleira.

O Pacto polo Emprego II conta cun orzamento total de 4,1 millóns de euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos, logo de que a boa xestión da Deputación conseguira ser premiada pola Unión Europea con 600.000 euros máis, que se sumaron aos 3,5 millóns de euros dos que dispoñía inicialmente o Plan. Este orzamento fai que este proxecto sexa o que acadou máis financiamento en Galicia na última convocatoria do Fondo Social Europeo.

27 cursos para a zona centro
Lara Méndez destacou que este plan contribuirá á inserción no mercado laboral de “1.005 lucenses desempregados, dos que máis de 400 serán da zona centro da provincia, mediante formación e prácticas remuneradas nas profesións con máis demanda no mercado do traballo da provincia”. A Vicepresidenta subliñou que na zona centro da provincia, na que se inclúe a comarca visitada hoxe, celebraranse 27 das accións formativas das 67 programadas en total.

As accións formativas que se celebrarán na zona centro son as seguintes:

  • 7 cursos de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio
  • 8 de Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
  • 1 de Técnico de Transporte Sanitario
  • 2 de Operacións básicas de Cociña
  • 2 de Operacións básicas de restaurante e bar
  • 3 de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais
  • 4 de Asesoramento na función xerencial e o autoemprego

Estes 27 cursos ofrecerán a todos os beneficiarios o acceso a formación teórica e práctica remuneradas en recoñecidas empresas e asociacións da provincia, para cuxa selección tamén se incluíron cláusulas sociais. Estas empresas ofrecerán tamén titorías individuais sobre habilidades sociais como, por exemplo, o mellor xeito de presentarse a unha entrevista de traballo, redactar un bo currículum, poñer en marcha unha empresa, etc.

A Deputación puxo en marcha o Pacto Provincial polo Emprego coa intención de que o feito de non contar con estudos ou ingresos deixara a ninguén fóra do plan. De aí que aos participantes non se lles esixa ningunha titulación, e durante o proceso de formación todos eles reciban unha prestación económica equivalente ao 75% do IPREM, isto é, uns 400 euros mensuais, cantidade máxima que a normativa que regula o Fondo Social Europeo permite. Esta axuda mensual é compatible coa percepción da prestación por desemprego ou de calquera outra axuda pública da mesma finalidade, sempre e cando o total mensual non supere precisamente o 75% do IPREM.

A quen está dirixido
A Vicepresidenta lembrou que os beneficiarios poden ser desempregados de todos os Concellos da provincia -agás o de Lugo, posto que este xa conta co seu propio plan equivalente-, e para participar só teñen que estar inscritos como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego -antes denominadas Servizo Galego de Colocación-.

Malia que este programa está dirixido calquera persoa desempregada, teranse en especial consideración, tal e como indican as bases, determinados colectivos con máis dificultades:

  • menores de 30 anos e maiores de 45
  • desempregados de longa duración
  • persoas con diversidades funcionais
  • vítimas de maltrato
  • persoas en proceso de rehabilitación ou reinserción social
  • as pertencentes a minorías étnicas
  • os inmigrantes
  • mozos que non superaran a ensinanza obrigatoria
  • coidadores non profesionais que atenden a dependentes
  • outros colectivos en risco de exclusión social.

Como inscribirse
Os interesados en tomar parte só teñen que dirixirse á súa oficina de emprego habitual e simplemente manifestar que están interesados en participar nos cursos da Deputación. Máis información en www.deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 260 088.