Os tapóns de plástico solidarios financian 520 xantares en comedores escolares
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
- Esta iniciativa é posible grazas á colaboración da Fundación Puro Cora, a Deputación, o Concello de Lugo, o Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Aspnais e Contemar, entre outras
- Un comité profesional, formado por unha médico, unha psicóloga, unha farmacéutica e unha traballadora social, valora a prioridade dos expedientes recibidos para destinar os fondos
A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada da Concelleira de Asuntos Sociais de Lugo, Ana González; a Presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Lugo, Ana Prieto; a Presidenta de Honra de Aspnais, Concepción Teijeiro; o Delegado Provincial de Relacións Institucionais da Asociación Española contra o Cancro, José Luís Vázquez; o Presidente da Asociación de Empresarios Polígono Industrial do Ceao, Ángel López Lugilde; o Director de PRELO, Manuel López; a Directora de Reciklado2, Marta Arias; o Director de Reciclaxes CONTEMAR, Miguel Abel Real, e responsables da organización do Banco de Tapóns de Lugo, fixo entrega de dous cheques por valor de 2.600 euros e 135 euros ás ANPAS do CEIP As Mercedes e CEIP Anexa-Lugo respectivamente.
A recollida destes tapóns, dentro da iniciativa Os tapóns dan vida e coidan do medio ambiente, levouse a cabo por toda a provincia, labor no que colaborou a Deputación de Lugo a través do seu Parque Móbil, permitiu a recolección de máis de 13.000 quilos de plástico almacenados por luguesas e lugueses para, neste caso, recadar fondos para financiar diferentes iniciativas de carácter solidario.
Regina Polín salientou que este tipo de iniciativas fannos ver a realidade de centos de nenos e nenas que, sen culpa, están a pagar as consecuencias do difícil momento que estamos a pasar. A Deputada destacou que, en calidade de mestra de educación primaria, é un drama ver como nos colexios hai nenas e nenos que non poden afrontar nin sequera a compra do material básico, por iso, dende as institucións debemos tomar nota canto antes e actuar para frear as desigualdades
Nests caso particular, os beneficiarios desta campaña de recollida foron, por unha banda, a ANPA do CEIP As Mercedes, á que se lle fixo entrega dun cheque de 2.600 euros para financiar 520 comidas durante o curso a oito nenos e nenas deste colexio que se atopan en dificultades económicas. Por outra banda, entregouse outro cheque, neste caso por valor de de 135 euros, para a ANPA do CEIP Anexa-Lugo, co que se financiará material escolar como bolígrafos, cadernos, lapis e gomas entre outros para escolares de familias con dificultades económicas.