Deputación de Lugo

A Deputación desmonta a mentira do Alcalde de Castro de Rei sobre a licenza do centro de recría

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial achega documentos oficiais que demostran que a concesión do permiso depende en exclusiva do Concello, pois a Xunta xa emitiu o preceptivo informe favorable, algo do que a entidade local ten coñecemento dende o 28 de xaneiro - Manuel Martínez esixe ao rexedor que rectifique e ofreza de inmediato “desculpas públicas á Deputación, pero tamén aos veciños que representa”, e lamenta que “torpedee investimentos destas dimensións para o seu Concello”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, asegurou este venres que o Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, “minte con total descaro e desvergonza” ao asegurar que a licenza de actividade deste complexo está en mans da Xunta de Galicia. A Deputación desmontou esta mentira do rexedor achegando documentos oficiais que demostran que a concesión depende en exclusiva do Concello, pois a Consellería de Medio Ambiente xa emitiu o preceptivo informe favorable, algo do que a entidade local ten coñecemento dende o pasado 28 de xaneiro.
Manuel Martínez explicou cales son “as probas das mentiras” do Alcalde. O voceiro mostrou tres documentos:
-  O preceptivo informe que emitiu o día 16 de xaneiro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en concreto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no que dá luz verde á substitución dunha depuradora por unha planta de biogás no centro de recría, ao considerala, literalmente, “unha mellora enerxética e ambiental do proxecto”.
- Un escrito remitido pola Deputación ao Concello de Castro de Rei no que lle adxunta dito informe favorable da Consellería de Medio Ambiente, con data de entrada no Rexistro municipal do 28 de xaneiro.
- E un escrito da Deputación que entra no Concello de Castro de Rei o día 9 de febreiro no que lle solicita que se realice a acta de comprobación necesaria para poder dar inicio á actividade.

Polo tanto, unha vez obtido e enviado ao Concello o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente e solicitada a acta de comprobación, “a concesión da licenza por cambio de actividade que solicitamos para o centro de recría depende única e exclusivamente do Concello de Castro de Rei, e está pendente dende hai dous meses”, subliñou Martínez.

A Deputación está á espera da licenza de actividade, pero tamén da de apertura das instalacións, “que solicitamos hai dous meses, o día 6 de febreiro, e tamén depende única e exclusivamente do Concello”, afirmou o Deputado.

Canto antes
“Confiamos en que estes permisos sexan aprobados canto antes porque o centro de recría é un motor económico e de creación de emprego para Castro de Rei e para a toda a provincia. ¿Que Alcalde rexeita e torpedea investimentos coma este para o seu Concello?”, engadiu.

Ante esta “nova mentira, que hoxe desmontamos con documentos oficiais”, Manuel Martínez esixiulle a Balado “que rectifique e pida de inmediato desculpas públicas á Deputación, pero tamén aos veciños aos que representa, pois aos alcaldes e a todos os cargos públicos se nos esixe lealdade institucional, transparencia, e resposta ás necesidades da cidadanía”.