Deputación de Lugo

A Deputación sitúa un centro de interpretación na “Ruta da Pedra de Díaz Castro” que impulsou en Guitiriz

- Lara Méndez e Regina Polín presentaron este venres o proxecto nun encontro con veciños na aldea de Vilariño dos Cregos onde se situará esta nova dotación grazas á cesión gratuíta dunha edificación de pedra que pertenceu á casa natal do poeta- O centro de interpretación complementa a “Ruta da Pedra de Díaz Castro” que abriu a Deputación o ano pasado e na que segue a traballar con novos investimentos e actuacións para conseguir o seu recoñecemento oficial

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, avanzaron este venres que a Deputación investirá 37.000 euros na posta en marcha dun centro de interpretación ao pé da “Ruta da Pedra de Díaz Castro”, que igualmente impulsou o organismo provincial en Guitiriz. Méndez e Polín explicaron este novo proxecto nun encontro con veciños na aldea de Vilariño dos Cregos, onde se situará esta nova dotación grazas á cesión gratuíta dunha edificación de pedra que pertenceu á casa natal do poeta.

Méndez destacou que “impulsar a figura de Díaz Castro é impulsar o patrimonio inmaterial de todos os galegos, situando a Guitiriz no mapa cultural do país, o que tamén favorece a actividade económica da provincia. Díaz Castro é un valor que este Concello debería ter moi presente, máis aló do Día das Letras Galegas”. Polín remarcou que “este centro de interpretación complementa a Ruta da Pedra de Díaz Castro que abrimos en Guitiriz, aproveitando os recursos naturais e ofrecendo unha alternativa económica no rural coa que combater o despoboamento demográfico”. A Deputada apuntou que este Concello chairego deixou de ser o 9º máis poboado da provincia. De seguir esta tendencia, deixará de estar entre o municipios lugueses con máis de 5.000 habitantes.

Recuperación integral
O centro de interpretación estará ubicado nunha edificación tradicional construída en pedra no Vilariño dos Cregos, na parroquia dos Vilares, que pertenceu á casa natal de Díaz Castro. A construción, cunha superficie útil de 65 metros cadrados e de planta baixa, foi cedida de xeito gratuíto polo actual propietario. O proxecto xa está listo polo que, unha vez que o Concello de Guitiriz conceda os permisos necesarios, poranse en marcha as actuacións que contempla e que se prolongarán por espazo de dous meses.

Contará con dous espazos diferenciados: por unha banda, unha sala diáfana, na que se desenvolverán as actividades que alí se organicen, e outra aberta, baixo unha cuberta ao estilo das antigas palleiras, que poderá ser empregada para actividades ao aire libre e baixo a que se poderán resgardar os usuarios da ruta da pedra de ser necesario.

As obras que a Deputación vai levar a cabo, e as cales respectarán totalmente tanto a tipoloxía como os materiais empregados tradicionalmente, consistirán na limpeza da estrutura de pedra da edificación, a cal se atopa en bo estado, e a substitución da cuberta. Estes traballos completaranse cunha instalación eléctrica pensada para as futuras exposicións que albergará o centro. Ademais, o edificio contará con aseos adaptados e unha nova fosa séptica.

“Ruta da Pedra de Díaz Castro”
O centro de interpretación complementa a chamada “Ruta da Pedra de Díaz Castro”, que abriu a Deputación o ano pasado e na que segue a traballar para conseguir o seu recoñecemento oficial. Deste xeito, na actualidade o organismo provincial está levar a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento da ruta con 12.000 euros de fondos propios; ao tempo que traballa nun proxecto de sinalización, que suporá nun novo investimento. Todo isto, para acadar a oficialización desta ruta, que a institución xa está a tramitar.

Este roteiro de dificultade mínima, que parte do Vilariño e remata en Buriz, ofrece ao camiñante 5,8 quilómetros que discorren por emblemáticos lugares para a historia local que no seu momento foron inspiración para o poeta: Pena Cheirenta, o Penedo, Pedra Grande, o petróglifo de Auga das Calzadas, a mámoa de Pilreu, ou o granito da igrexa de Buriz ou a chamativa pedra que domina o campo da feira deste lugar.

Unha insua para Díaz Castro
Xunto con outras futuras actividades, o centro albergará de xeito permanente fondos do Centro de Artesanía e Deseño, e que formaron parte no seu momento da exitosa mostra Unha insua para Díaz Castro na Capela de Santa María, que superou o medio milleiro de visitas. Esta exposición multidisciplinar, que transmitía ao visitante os motivos de inspiración do autor, o seu universo creativo e a súa terra natal, estaba composta por unha mestura de pezas de artesanía, vídeo, fotografías e outras instalacións.

A Deputación, con Díaz Castro e Guitiriz
Precisamente a tantos metros desta edificación, descansa unha escultura elaborada en granito, obra do artista Ramón Vilar, que a Deputación instalou en homenaxe a Díaz Castro en outubro do pasado ano, coincidindo coa presentación do libro de poemas de Xavier Rodríguez Barrio Fulguración e silencio, editada polo Centrad.

Do mesmo xeito, a Deputación colaborou cos rapaces do IES Díaz Castro de Guitiriz acollendo na Capela de Santa María a presentación do documental A lus do mundo, que os alumnos elaboraron para reivindicar que se lle adicara o Día das Letras Galegas no 2014, obxectivo finalmente acadado.