Deputación de Lugo

A Deputación distingue en Riotorto, a terra dos ferreiros, o traballo destes artesáns da forxa

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial levou hoxe á IX Feira da Artesanía do Ferro a exposición “Mans de ferro” que máis dun milleiro de persoas a visitaron na Capela de San María da capital luguesa
- Con esta mostra, composta por 150 pezas e centrada na figura dos ferreiros, a Deputación segue apostando pola conservación dos oficios artesanais
- Lara Méndez e Regina Polín fixeron entrega dos diplomas de Artesáns de Honra da Provincia aos ferreiros participantes. A Vicepresidenta destacou o traballo de Justa Señor, unha fonsagradina de 89 anos que se dedicou a ferrería na súa xuventude

A Deputación de Lugo levou hoxe á IX Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto a exposición “Mans de ferro” que acolleu na capital luguesa a Capela de Santa María durante os meses de xaneiro e febreiro, e que espertou o interese de máis dun milleiro de persoas. Con esta mostra, centrada na figura dos ferreiros lugueses e nas súas distintas xeracións, a institución provincial segue apostando pola conservación dos oficios tradicionais.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, fixeron entrega dos diplomas de Artesáns de Honra da Provincia aos ferreiros participantes que non poideron asistir á inauguración desta exposición o pasado 16 de xaneiro. Méndez destacou o traballo de Justa Señor, “muller de forxa e ferro”, tal e como a definiu a Vicepresidenta, unha fonsagradina de 89 anos que dedicou a súa xuventude a arranxar ferramentas do agro xunto ao seu pai.

“Mans de ferro” reúne unhas 150 pezas dunha trintena de ferreiros “oficio tan tradicional neste municipio de Riotorto, onde se concentraban decenas de forxas no século pasado. De aí que Riotorto sexa coñecido como a terra dos ferreiros”, lembrou Méndez.

Pola súa banda, Polín reivindicou a capacidade de reinvención deste “oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo, sendo capaz de ofrecer moitas alternativas de futuro, como a elaboración de elementos decorativos”.

Entre as pezas que se podieron ver atopábanse fouciños de hai preto de 60 anos, un dos instrumentos de labranza que os ferreiros da provincia vendían aos agricultores de Castela para segar o trigo; así como coitelos, apeiros de labranza ou navallas. Do mesmo xeito que na Capela de Santa María, ás pezas expostas acompáñaas unha fotografía do ferreiro creador, todas elas realizadas por José Salgado, comisario da mostra.