Deputación de Lugo

A Deputación secunda a manifestación para reivindicar unha sanidade pública e de calidade na Mariña

Imaxe deputación de lugo
- Lara Méndez e Alfredo Llano participarán na concentración, “que adquire máis sentido se cabe tras a visita de Feijóo e a Conselleira reprobada para burlarse unha vez máis dos mariñanos facendo por 7ª vez as mesmas promesas de ampliación do Hospital da Costa”- “Basta xa de anuncios electorais e de xogar coa saúde da xente. Os mariñanos e todos os lucenses queremos feitos. En 6 anos á fronte da Xunta Feijóo non fixo nada. Non é de estrañar que tivera que entrar no hospital pola porta de atrás”, subliñou a Vicepresidenta

A Deputación de Lugo secundará a manifestación para reivindicar unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade que terá lugar mañá, ás 20:00 horas, diante do Hospital da Costa, en Burela, sumándose deste xeito ás numerosas agrupacións sociais, profesionais e políticas que xa avanzaron a súa participación. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, acudirán á concentración, que “adquire se cabe maior sentido tras a visita que fixo hoxe o Presidente da Xunta e a conselleira reprobada de Sanidade para burlarse unha vez máis de todos os mariñanos”.

“Por 7ª vez, Feijóo, máis as visitas que fixo a conselleira reprobada, viñeron á Mariña, sen sequera poñerse colorados, para anunciarnos o mesmo papel, o Plan Director, dos que van cando menos outros 6, e as mesmas obras de ampliación do Hospital da Costa, cando faltan dous meses para as eleccións municipais”, subliñou a Vicepresidenta. “As mesmas promesas e os mesmos anuncios que hai 6 anos. Neste tempo non tivo tempo de facer nada e a dous meses duns comicios volve a prometernos o mesmo”, engadiu. “Basta xa de promesas electorais e de xogar coa saúde da xente. Os mariñanos e todos os veciños da provincia queremos feitos, queremos realidades”.
Lara Méndez cuestionou que Feijóo se limitase a dicir que as obras de ampliación do hospital mariñano se licitarán neste 2015. “Non deu nin un só prazo de execución destas actuacións, que non teñen nin sequera consignación nos Orzamentos, pero tampouco doutras reivindicacións sanitarias da provincia, como os servizos pendentes de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA”, asegurou.
“Promesas sempre incumpridas e sen prazos. Como podemos crer na palabra de Feijóo?”, sinalou a Vicepresidenta. “Non é de estrañar que tivera que entrar pola posta de atrás do Hospital. Non tivo a decencia de facelo pola principal para non afrontar as protestas pola súa nefasta xestión sanitaria nesta comarca e nesta provincia”, argumentou.