Deputación de Lugo

Lara Méndez e Orozco anuncian que a casa abandonada do río Rato será substituída por zonas verdes

- A Vicepresidenta Segunda e o Alcalde de Lugo avanzaron que se demolerá o único inmoble que se atopa en ruínas na zona dende hai décadas e se acondicionará no seu lugar un espazo para uso público - O organismo provincial asumirá con medios propios as melloras, que se acometerán nun prazo máximo de 15 días e coas que se dá resposta ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciaron este venres que o organismo provincial substituirá a casa abandonada do río Rato, o único inmoble que se atopa en ruínas na zona, tras un incendio, dende hai décadas, por zonas verdes. Méndez e Orozco avanzaron que se demolerá este edificio de tres plantas situado no barrio da Chanca e se acondicionará no seu lugar un espazo para uso público co axardinamento da parcela.

O organismo provincial acometerá con medios propios e nun prazo máximo de 15 días estas obras de humanización do entorno do río Rato, coas que cumpre coas peticións que lle transmitiron os veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos. A ampliación de zonas verdes na provincia, así como dar continuidade ao cinto verde do Rato centraron numerosas solicitudes veciñais, como as presentadas pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo.
 
Lara Méndez explicou que se trata duns traballos enmarcados na liña de actuacións de mellora na contorna do Río Rato e Fervedoira, que contan cunha partida de 100.000 euros nos orzamentos do 2015. “Optimizamos os nosos recursos co fin de aforrar custes. Por este motivo, os técnicos provinciais levarán a cabo de xeito inmediato os labores que inclúe esta iniciativa”, asegurou.

Pola súa banda, Orozco destacou que “logo de que a Deputación comprara a casa, o Concello deulle a orde de derribo, que o organismo provincial vai a cumprir, polo que quedará unha visión moito máis ampla do paseo do río ao tempo que Lugo gaña un zona verde máis”. No mesmo senso, o Alcalde agradeceu á Deputación esta mellora “nunha zona de Lugo, moi bonita e moi utilizada polos lucenses”.