Deputación de Lugo

A TIC difundirá o Flashmob polo autismo de Capaces dentro dunha nova colaboración con esta asociación

-Bolseiros e profesionais gravaron este mércores o evento que consistiu nun concerto improvisado na rúa da Raíña, interpretado por 20 membros da Banda Municipal de Música -A acción social, que incluíu unha solta de globos azuis, reivindicou a concienciación sobre esta enfermidade os 365 días do ano, máis aló do Día Mundial do Autismo -A Fundación colabora coa asociación lucense desde o seu nacemento, contribuíndo así o impulso e promoción do seu labor na provincia

A TIC difundirá o Flashmob polo autismo de Capaces dentro dunha nova colaboración con esta asociación

A Fundación TIC gravou este mércores o flashmob en apoio ás persoas con autismo ou Trastornos do Espectro Autista (TEA), organizado pola Asociación Capaces-Lugo. Trátase dun novo apoio da entidade dependente da Deputación a esta organización sen ánimo de lucro, que reivindica con esta acción a concienciación sobre esta enfermidade máis aló da conmemoración, o pasado día 2 de abril, do Día Mundial do Autismo.

Un equipo de bolseiros e profesionais realizarán, con material gravado, un vídeo para difundir o evento, que consistiu nun concerto improvisado na rúa da Raíña, e que contou coa participación dunha vintena de membros da Banda Municipal de Música. O acto arrancou coa interpretación dun saxofonista en solitario ao que se foron unindo, de forma individual e inesperada, o resto de integrantes da banda ataviados con roupa da cor azul que simboliza o autismo. O espectáculo completouse cunha solta conxunta de globos azuis que sobrevoaron o ceo lucense.

365 días de concienciación do Autismo
Capaces-Lugo organizou este flashmob para lanzar unha mensaxe clara e expresar de forma colectiva que non hai un, senón 365 días ao ano para traballar na concienciación sobre o autismo e TEA. A organización conta con 31 socios de toda a provincia, 14 deles numerarios e o resto colaboradores. Dispón dun amplo equipo de profesionais autónomos que traballan de xeito individualizado con nenos e adultos, e ofrecen asesoramento ás familias.

A Fundación TIC colabora desde os seus inicios con Capaces-Lugo, que foi constituída o 30 de setembro de 2013, a través dun convenio de colaboración. Con este acordo, a TIC cumpre un dobre obxectivo: por un lado, difundir o labor deste colectivo e, por outro, promover a formación práctica implicando ao alumnado en eventos coma estes en escenarios reais.

Así, ademais deste flashmob, outras colaboracións coa asociación nas que participaron alumnos e titulados da EIS son, por exemplo, a difusión de actos no Día Mundial de Concienciación do Autismo ou do Síndrome de Asperger, a realización dun vídeo corporativo sobre o labor que levan a cabo na provincia, así como a prestación de apoio técnico para presentacións das súas actividades.