CANDIA MANTÉN UN ENCONTRO COS MÁXIMOS RESPONSABLES DA USC COA MIRADA POSTA NA POTENCIACIÓN DO CAMPUS LUCENSE
Mércores, 22 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe no seu despacho de San Marcos ao reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Juan Viaño e ao vicerreitor do campus lucense Javier Bueno.
O encontro enmárcase dentro da rolda de reunións oficiais que a presidenta provincial está a manter cos máximos responsables das principais institucións coas que colabora a Deputación de Lugo, tras a súa recente elección no cargo.
Potenciar o campus lucense
A presidenta provincial indicou que a Universidade é unha das prioridades do novo Goberno e sinalou que o devandito encontro desenvolveuse coa mirada posta na potenciación do campus lucense.
Elena Candia considera que a colaboración entre ambas institucións é básica, algo que se verá reflectido no futuro en distintas iniciativas que a Deputación e a da USC teñen previsto impulsar na provincia.
O principal reto, segundo concluíron, e seguir construíndo unha universidade de calidade e de excelencia, capaz de ofrecer unha oferta educativa atractiva e na vangarda, orientada tamén á posta en valor dos principais recursos propios da provincia, como poden ser, entre outros, o medio rural, forestal e gandeiro.
Candia coincidiu cos responsables da institución educativa na importancia de potenciar aspectos da importancia da formación e da investigación así como na procura de fórmulas efectivas para aproveitar os recursos e talentos do campus lucense.
Desde a institución lembraron que a administración provincial mantén vixentes, na presente anualidade, varios convenios de colaboración con esta universidade.
A Deputación tamén colabora apoiando diversos cursos de verán que fan do campus lucense un referente para centos de estudantes universitarios, e en diversos programas de posgrao..