Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación, nomeado socio de honra de ASPNAIS

- A Xunta Directiva da Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo decidiu, por unanimidade, outorgarlle este distintivo a Gómez Besteiro pola súa “sensibilidade e cooperación coa asociación a as familias”- O Presidente agradeceu ás familias “este recoñecemento” e puxo en valor o “ traballo constante e impagable que fan dende esta asociación lucense”- No acto, tamén se fixo entrega doutros galardóns, como a Presidenta da Asociación, Conchita Teijeiro; ao Concello de Lugo ou a Consellería de Servizos Sociais entre outros

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, foi nomeado este sábado socio de honra de ASPNAIS, a Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo. A Xunta Directiva desta asociación lucense decidiu, por unanimidade, outorgarlle este distintivo ao Presidente da Deputación pola súa colaboración e sensibilidade coas familias que forman este colectivo.

Gómez Besteiro agradeceulle a todas as familias da asociación “este grande recoñecemento” e destacou que “quero recoñecer o traballo constante e impagable que facedes dende ASPNAIS, sobre toda na época na que estamos a vivir, chea de recortes e dificultades”. Nesta liña, o Presidente valorou que “a pesares deste contexto, vós sodes capaces de atender as necesidades de 137 familias de 22 Concellos da provincia, feito que conta con toda a miña admiración”. Pola súa banda, José Reigosa valorou que “a persoa de José Ramón Gómez Besteiro recibe o distintivo de socio de honra por unanimidade da Xunta Directiva, co que recoñecemos o seu apoio constante e reiterado coa noso colectivo”

No acto de entrega, o primeiro na historia desta asociación, ASPNAIS tamén concedeu medallas de prata ao Presidente da Deputación, ao Concello de Lugo; á Presidenta de honra da asociación, Pilar Teijeiro; á subdelegación do Goberno e á Consellería de Servizos Sociais. Na sesión tamén se nomeou socio de honra ao empresario lucense Luís Fernández Somoza, un profesional consolidado a nivel nacional e internacional. Con estes galardóns, o colectivo lucense quere recoñecer o apoio recibido durante os últimos anos tanto de persoas como de institucións públicas.

Antigo Hospital de San José
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou tamén no acto que o organismo provincial cedeu, de xeito gratuíto, á asociación o uso do antigo hospital San José durante un prazo de 50 anos, que permitirá a esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectual duplicar as súas prazas e traballadores. A cesión do San José, onde este colectivo unificará todos os servizos, pon fin aos problemas de espazo e demanda. Con este novo espazo, ASPNAIS poderá chegar ás 250 prazas, das que un mínimo de 65 serán residenciais, feito que conlevará a contratación do dobre de persoal.

Fin público e social
O Presidente provincial destacou que para a reutilización do San José “conxugamos dúas decisións: poñer en valor o patrimonio provincial, o que é de todos, porque non queremos edificios públicos abandonados, e darlle un fin público e social”.

A Deputación abriu este proceso a todas as entidades sen ánimo de lucro, declaradas de utilidade pública ou interese social, que estivesen interesadas no aproveitamento do San José para o desenvolvemento de súa actividade, valorando, positivamente, a maior ocupación do inmoble, pero sen excluír as propostas para o uso parcial. “Hoxe sodes moitos os colectivos con necesidades que estades a facer un gran traballo na provincia. Cando abrimos este proceso a todos eles, resultou beneficiada ASPNAIS, posto que fostes capaces de presentar un proxecto social e ambicioso para toda a provincia, que ademais contemplaba a recuperación integral do antigo San José”, indicou Besteiro.

Posta en valor do patrimonio
A Deputación levaba anos traballando nunha saída viable para o antigo hospital de San José, que fose vantaxosa para a cidadanía. Xa no 2011 e coa colaboración do Concello de Lugo, tentou incluír o edificio na Rede Nacional de Paradores de España pero, malia a positiva valoración do complexo polos responsables da Rede, finalmente non presentaron oferta, xustificándoo coa súa situación económica.

Son exemplo disto a cesión da gardería do Campus a Raiolas para situar nela o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo, a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño ou a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.