Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO PAGOU OS ANTICIPOS DE SUBVENCIÓNS APROBADAS A 171 EMPRESAS E ENTIDADES BENEFICIARIAS DO BEN EMPREGADO I

Imaxe deputación de lugo
A administración provincial continúa a desenvolver con absoluta normalidade as tramitacións das dúas edicións do Ben Empregado• Os ingresos efectuados superan o 1,7 millóns de euros e correspóndense co 50% da axuda total concedida• A vindeira semana iniciarase o proceso de entrevistas para seleccionar aos beneficiarios dos 304 postos de traballo do Ben Empregado II

O deputado de Emprego, José Antonio García, explicou hoxe que dende a Deputación de Lugo xa se fixeron efectivos os pagos dos anticipos das subvencións aprobadas a 171 empresas e entidades beneficiarias do Ben Empregado I.
Nestas empresas e entidades beneficiarias da primeira edición do Ben Empregado I están a prestar os seus servizos persoas seleccionadas a través deste plan de emprego, cuxo custo ás empresas cobre a Deputación. En concreto, os ingresos efectuados por este concepto superan o 1,7 millóns de euros e correspóndense co 50% das subvencións concedidas ás empresas e ás entidades.
José Antonio García explica que os pagos realizáronse por fases ao longo deste verán e en función de que as entidades e as empresas presentasen os seus informes e a documentación pertinente. “As últimas empresas en cobrar foron as 15 entidades nas que foi necesario cubrir de novo perfís vacantes, derivados de varios motivos como son a renuncia ao posto ou a causa de baixa voluntaria”, matizou o responsable de Emprego da institución provincial.
O deputado engadiu que só hai 24 entidades pendentes de que lle sexa aboado este anticipo por varios motivos, non ter entregada a documentación, estar os postos desertos e en proceso de que se cubran ou por problemas dados na tramitación administrativa.
A maiores, o responsable de Emprego informou tamén que a próxima semana iniciarase o proceso de entrevistas para seleccionar aos beneficiarios dos 304 de traballos existentes no Ben Empregado II.
Polo tanto, José Antonio García recordou que o Goberno lucense continúa a desenvolver con absoluta normalidade as tramitacións tanto do Ben Empregado I, como da segunda edición do plan. A maiores, o deputado resaltou o compromiso da Deputación de Lugo coa creación de emprego “aproveitando todos os recursos que ofrece a administración”