Deputación de Lugo

Lino Rodríguez avoga pola “unión” para que o sector lácteo “deixe de ser o marxinado”

O Deputado de Medio Rural e do Mar participou este xoves na inauguración das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, coas que colabora o organismo provincial

O Deputado de Medio Rural e do Mar, Lino Rodríguez Ónega, participou este xoves na inauguración das XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, coas que colabora o organismo provincial, onde quixo trasladar unha mensaxe positiva aos profesionais deste sector ante as dificultades que están a atravesar.

“Durante décadas, fun gandeiro. Coñezo perfectamente os problemas do sector, que non son novos, pois levamos anos sufríndoos porque, baixo a miña opinión, o noso sector sempre foi o gran marxinado por parte das principais administracións no país. Pero creo que non minto se digo que o sector gandeiro está peor que nunca: o prezo do litro de leite está moi por debaixo do seu custo de produción; non temos garantías de que suba e, o que é peor, temos medo de que, dunha día para outro, decidan baixar o seu prezo ou, directamente, deixen de recoller o leite”.

“Estou convencido de que podemos cambiar as cousas para que o sector gandeiro deixe de ser o marxinado. É de xustiza facelo, tanto polo duro traballo que levades a cabo todos os días do ano, sen descanso; como polo que representa o voso labor no país. Sodes a base da economía. E máis aínda nunha provincia coma Lugo, que é 100% rural, e na que todos, directa ou indirectamente, dependemos do sector gandeiro”.

“Non unha unión parcial”
“Podemos cambiar as cousas con esforzo e con vontade. Co esforzo de cada un de nós para estar unidos. Pero non cunha unión parcial dunhos poucos ou dunhos moitos. Coa unión de todos os profesionais do sector, sindicatos e administracións.  Só coa unión de todos podemos conseguir a imprescindible vontade dos responsables das principais administracións no país con competencias no noso sector para cambiar as cousas. Está claro que non houbo esta unión nos pasados meses. Isto supuxo que o pacto lácteo do Ministerio sexa un fiasco para os gandeiros. O único que supuxo ata o momento foi que o consumidor pague 9 céntimos máis polo litro de leite nos centros de distribución. Pero estes cartos non están a repercutir no peto dos produtores de leite. Polo tanto, os prexudicados seguen a ser os gandeiros e os consumidores, é dicir, todos os cidadáns. E os beneficiados os de sempre”.

“En contraposición, en Francia o leite subiu dous céntimos nun mes e que a finais de ano o gandeiro cobrará 34 céntimos. Estase a cumprir o acordo ó que chegou o país galo cos gandeiros. Polo tanto, se os nosos veciños de Francia poden, por que nós non podemos?”.  
Agradecementos ao Presidente
“Levo anos sendo Alcalde de Pol e, os que me coñecedes, sabedes que sempre estou para o que necesiten os meus veciños, que na súa maioría son gandeiros. Agora, comecei unha nova etapa na Deputación de Lugo como responsable da área de Medio Rural. Neste punto, permitídeme que agradeza, publicamente, ó Presidente da Deputación, a Darío Campos Conde, a confianza depositada en min para levar este departamento, un dos máis relevantes para o Goberno Provincial do que formo parte”.

Colaboración da Deputación
“Sabedes que a Deputación de Lugo non é a administración coas competencias directas no sector gandeiro, pois estas son da Xunta de Galicia e do Goberno Central. Pero, independentemente disto, no Goberno da Deputación temos toda a vontade de colaborar co sector gandeiro, que outras administracións demostraron non ter. E temos esta vontade porque, como dicía o meu compañeiro José Ramón Gómez Besteiro, sabemos que o leite é para Lugo como a Citroën para Vigo. Polo tanto, tedes todo o apoio da Deputación e deste novo Deputado e compañeiro de profesión para o que necesitedes”.