Deputación de Lugo

A Deputación celebra o XX Aniversario da Escola de Relacións Laborais

- O Presidente reivindicou que "investir en educación pública non é gastar. Todo o contrario. Investir en educación pública é investir en futuro”
- Campos Conde avanzou que "a pesares de non ter competencias directas na materia, este ano a Deputación investirá preto de 2,5 millóns de euros na educación pública da provincia de Lugo".

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou este martes nos actos organizados con motivo do XX Aniversario da posta en marcha da Escola de Relacións Laborais na provincia, onde reivindicou que "investir en educación pública non é gastar. Todo o contrario. Investir en educación pública é investir en futuro”.

Campos Conde destacou que "a pesares de non ter competencias directas na materia, este ano a Deputación investirá preto de 2,5 millóns de euros na educación pública da provincia de Lugo".

“E facémolo a través do Plan de Impulso do Campus de Lugo que temos en marcha coa USC; coa dotación na cidade de Lugo da sede da UNED de referencia no noroeste de España; coa única Escola de Imaxe e Son pública na provincia; ou mediante axudas directas coa Universidade Nacional a Distancia; Rof Codina; ou con esta Escola de Relacións Laborais”, remarcou.

O Presidente valorou que “en tempos de dificultade económica é máis importante investir nas políticas sociais que conforman o noso Estado de Benestar, que aforrar. Pois temos que mirar cara adiante, cara o futuro; e o futuro vén da man da formación dos nosos mozos".

"A educación universitaria debe ser a plataforma de vertebración e progreso dunha sociedade avanzada, que quere estar á cabeza economicamente, pero, sobre todo, que sexa socialmente xusta e equitativa”, salientou.

No acto tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e a Directora da Escola de Relacións Laborais, Mercedes Montes Rodríguez, entre outras autoridades da provincia.