Deputación de Lugo

A Deputación esixe ao Goberno de Feijóo, "investigado por homicidio", a dotación de hemodinámica 24 horas e a publicación dos datos de mortalidade por infarto de miocario

Imaxe deputación de lugo
- Santos subliñou que "non vaia ser que o feito de non publicar estes datos sexa para ocultar que o Goberno de Feijóo está a privar aos cidadáns dunha sanidade pública e universal por cuestións económicas. Máis aínda, cando está sendo investigado por un presunto caso de homicidio por negar tratamentos da Hepatite C"
- O Presidente remarcou que “é lamentable que o PP poña cortinas de fume, como as diferenzas técnicas sobre a sede de Suplusa, para que non se falen dos problemas que preocupan aos cidadáns, como é a sanidade. Oxalá todos os problemas dos veciños fosen 10 centímetros dunha cornisa, cuestión que se pode resolver en 15 días”
- O Goberno da Deputación levara ao vindeiro Pleno unha moción para esixir á Xunta Hemodinámica 24 horas e a publicación dos datos de mortalidade logo de que 13 Deputados votasen en contra da urxencia e o debate deste asunto en marzo

A Deputación esixe ao Goberno de Feijóo, “investigado por homicidio”, que dote á provincia de Lugo do servizo de Hemodinámica as 24 horas, así como que publique os datos de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días, que está a ocultar. Así o avanzou este mércores o voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, que adiantou que o Grupo Provincial Socialista levará unha moción ao vindeiro Pleno con estas esixencias logo de que 13 Deputados votasen en contra da súa urxencia e, polo tanto, se opuxesen ao seu debate na pasada sesión plenaria.

Santos Ramos subliñou que "non vaia ser que o feito de non publicar esta información sexa para ocultar que o Goberno de Feijóo está, unha vez máis, a privar aos cidadáns dunha sanidade pública e universal por cuestións económicas. Máis aínda cando, nun caso sen precedentes na historia do país, o Goberno de Feijóo está sendo investigado por un presunto caso de homicidio, presuntamente, por negar á cidadanía tratamentos sanitarios fundamentais polos recortes que está a levar a cabo, neste caso, para doentes de Hepatite C".

“Oxalá todos os problemas fosen unha cornisa”
A preguntas dos xornalistas, tamén o Presidente, Darío Campos Conde, subliñou este mércores que “é lamentable que o Partido Popular se dedique a poñer cortinas de fume, como as diferenzas técnicas ao respecto da sede de Suplusa, para que non se falen dos problemas que, verdadeiramente, preocupan aos cidadáns, como é a sanidade, como é non ter Hemodinámica as 24 horas ou tratamentos de Hepatite C. Os técnicos de Deputación e do Concello de Lugo están a falar co afectado para solucionar isto canto antes. Oxalá todos os problemas dos veciños fosen unha cornisa sobre a que hai diferenzas de opinión entre os técnicos por 10 centímetros, pola súa ubicación. Isto pode resolverse en cuestión de 15 días”.

Negativa de 13 Deputados
O voceiro socialista lembrou que, no Pleno de marzo, 13 Deputados votaron en contra da urxencia da moción do Grupo Provincial Socialista para esixir á Xunta de Galicia a inmediata dotación de Hemodinámica 24 horas e a publicación dos datos de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días. Isto imposbilitou o seu debate.

Santos Ramos destacou que a Xunta publicou un informe “incompleto e sesgado”, no que se alerta de que un lucense afectado por un infarto de miocardio tarde o dobre de tempo en ser atendido que, por exemplo, un cidadán da Coruña. Concretamente, o tempo de espera é de máis de 3 horas, pois a provincia de Lugo non conta cun servizo de Hemodinámica as 24 horas e os doentes teñen que ser trasladados á Coruña.

“E non o ten, porque a Xunta está a incumprir a ILP máis respaldada na historia do Parlamento galego, pois contou co apoio de máis de 41.000 lucenses, para reclamar a dotación de dita prestación no HULA, así como Radioterapia e Medicina Nuclear”.