Deputación de Lugo

Lugo, á cabeza de Europa en investigación biomédica e veterinaria grazas ao Cebiovet, que foi inaugurado este vernes

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participaron este venres na inauguración do Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), o único centro destas características en España e un dos poucos en todo o contiente. Ao acto de inauguración tamén asistiu o Director-Xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino, o reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Durante o acto de inauguración, a rexedora fixo fincapé no valor engadido ao tecido produtivo que crearán estas novas instalacións, posto que a transferencia dos coñecementos científicos e tecnolóxicos xerados no Cebiovet redundarán na adaptación deste tecido cara novos produtos e servizos, “co que Lugo gañará competitividade e reindustrialización, creará riqueza e emprego e recuperará poboación”, subliñou Méndez.

Para a rexedora, o Cebiovet, “abre novas e grandes oportunidades para o crecemento económico e o desenvolvemento social da cidade ao consolidar a economía do coñecemento e a innovación como motor de Lugo, ademais de complementar e potenciar os grandes recursos que Lugo tiña neste eido, un campus que avanza cara a especialización en materia de investigación e innovación no ámbito forestal, veterinario e agrogandeiro”.

Pola súa banda, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, subliñou que "estas instalacións marcarán un antes e un despois no ámbito universitario e científico da nosa provincia". Campos Conde quixo recoñecer tamén "o incesable traballo da comunidade educativa, así como a implicación das administracións públicas, que produciu qua a Facultade de Veterinaria se convertese nun referente a nivel nacional e europeo".

Campos Conde lembrou que a Deputación colaborou coa Fundación Rof Codina para a posta en marcha do CEBIOVET cedendo unha parcela de 1.800 m2, así como cunha achega de máis de 160.000 euros, que serviron para financiar parte das novas instalacións deste pioneiro centro de investigación.

As novas instalacións
O Cebiovet, que se ampliou grazas á colaboración entre o Concello de Lugo –que achegou máis de 190.000 euros-, a Deputación –cedendo unha parcela de 1.800m2 así como unha achega duns 160.000 euros-, a Xunta de Galicia e a USC, ten unha superficie duns preto de 5.000 metros cadrados. O proxecto, cun orzamento total duns 4,5 millóns de euros e cuxas obras comezaron en setembro de 2014, consistiu na reforma, adecuación e ampliación dos pavillóns existentes de hospitalización e experimentación animal; a construción dun novo pavillón e a conexión dos dous edificios mediante un corredor cuberto, para facilitar o tránsito entre os distintos módulos. Con esta actuación, o centro de experimentación conta cunhas instalacións óptimas e homologadas, permitindo controlar rigorosamente as condicións de mantemento, benestar e coidado dos animais.

Méndez, de la Cruz, Viaño, Campos e Núñez Feijóo realizaron un percorrido pola zona de ciruxía, a nave de mascotas e a nave de vacuna destas novas instalacións coas que a partir de hoxe conta Lugo e que se suman ás da Facultade de Veterinaria, que con 32 anos é un referente estatal e europeo, e o Hospital Universitario Rof Codina, polo de referencia en Europa.

Padroado Rof Codina
Previamente, Campos Conde e Méndez López participaron na Reunión do 6º Padroado Extraordinario da Fundación Rof Codina, durante a que se entregaron diplomas a persoeiros destacados durante os 20 anos que leva traballando a Fundación Rof Codina.