Deputación de Lugo

A Deputación aborda cos Concellos medidas de aforro enerxético e sostibilidade

A Deputación aborda cos Concellos medidas de aforro enerxético e sostibilidade, na xornada informativa Zero Emissions, que se está a celebrar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Nela están a participar ducias de técnicos e representantes dos concellos lucenses; así como técnicos da Axencia Provincial da Enerxía.

O Deputado de Participación e Transparencia, Pablo Rivera Capón, destacou na inauguración que “na xornada abordaranse medidas de aforro e eficiencia enerxética, co fin de reducir custos enerxéticos e acadar administracións máis sostibles”.

Rivera Capón sibliñou que “dende este organismo provincial levamos tempo traballando na procura de administracións máis eficientes. E facémolo, precisamente, grazas ao traballo que levan a cabo os profesionais da Axencia Provincial da Enerxía; un departamento que non existía e que decidimos crear con fondos europeos porque nesta Deputación apostamos por reducir gastos ás entidades locais para, ao mesmo tempo, facelas máis sostibles e respectuosas co medioambiente”.

O Deputado lembrou que “comezamos con esta redución nas dependencias da propia Deputación, onde conseguimos reducir os gastos eléctricos nun 25%, aforrando 135.000 euros ao ano. Ademais, tamén conseguimos que os Concellos que voluntariamente se sumaron ao mesmo reducisen entre 4.000 e ata 20.000 euros ao ano as súas facturas. Todo isto, coa implantación de mecanismo de baixo consumo nas instalacións públicas municipais”.

Rivera Capón subliñou a proposta do Presidente neste senso “á que adicamos unha partida de 1,5 millóns de euros para crear novas fórmulas de colaboración cos municipios para diminuír os gastos enerxéticos e, polo tanto, reducir custos”.