Deputación de Lugo

O Presidente sinala que “as incongruencias de 13 Deputados” amosan as súas intencións: “paralizar a institución”

Imaxe deputación de lugo
- Darío Campos remarca que “antepoñen os seus intereses partidistas e persoais ao colectivo de todos os lucenses, debido ao síndrome presidencialista que sofren a voceira provincial do PP e o Deputado non adscrito. Os únicos que deberían dimitir son eles”
- 13 Deputados aprobaron emendas ao POS e logo votaron en contra do POS emendado por eles mesmos. “É o non polo non. O único que queren é que non saía nada do Goberno. Non pensan nos veciños. Só en eles mesmos”
- 13 Deputados xustifican o seu voto en contra do POS porque non está aprobado o Orzamento e logo votan a favor dun plan de emprego que si necesita do orzamento, e que nin se poden aprobar no Pleno nin a través dunha moción
- 13 Deputados votan en contra da proposta do Goberno para que a Deputación financie en Sarria as obras na Ponte Riberia, na residencia e na piscina, pero votar a favor da moción do PP cando supón menos investimento para este Concello
- “A miña prioridade é aprobar o Orzamento nun Pleno Extraordinario nos primeiros días de maio”. 13 Deputados bloquearon a súa aprobación definitiva cunha ducia de alegacións, que non caso do PP presentaron o último día, e ata un recurso administrativo 

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, sinalou este mércores que “as incongruencias de 13 Deputados” onte no Pleno Provincial amosan as súas intencións: “paralizar a institución. Dun xeito totalmente irresponsable, antepoñen os seus intereses partidistas e persoais ao colectivo de todos os lucenses, debido ao síndrome presidencialista que sofren a voceira provincial do PP e o Deputado non adscrito. Os únicos que deberían dimitir son eles”. 

Darío Campos remarcou cada una das “incongruencias” amosadas onte no Pleno polos 12 Deputados do Partido Popular e o Deputado non adscrito:

PRIMEIRA INCONGRUENCIA: 13 Deputados aproban emendas ao POS e logo votan en contra do POS emendado por eles mesmos.

O Presidente explicou que “o Goberno Provincial presentou á sesión plenaria a súa proposta de Plan de Obras e Servizos, que dotamos de 6 millóns de euros para obras nos 67 Concellos, cuadriplicando a achega da Deputación con respecto ao ano pasado. 13 Deputados primeiro emendárono e logo votaron en contra do POS emendado. Non se entende. Xustificaron a súa postura, dicindo que para aprobar o POS tiña que estar aprobado o Orzamento. Mentiron. O POS ten que ir varias veces á sesión plenaria, canto menos dúas, unha para dotalo de orzamento, e outra para aprobar a listaxe de obras que presentan os Concellos. Se nós o presentamos onte foi, precisamente, para axilizar todo este proceso e, polo tanto, a súa execución nos municipios, que a están esperando”.

SEGUNDA INCONGRUENCIA: 13 Deputados xustifican o seu voto en contra do POS que eles emendaron porque non está aprobado o Orzamento e logo votan a favor dun plan de emprego, que si necesita orzamento para ser aprobado, e que, ademais, non se pode aprobar no Pleno senón na Xunta de Goberno, que é a que está lexitimada. 

Campos subliñou que “é o non polo non, está claro. O único que queren é que non saía nada do Goberno, custe a quen lle custe. Non pensan nos veciños. Só en eles mesmos. A única diferenza é que o POS era unha proposta do Goberno, de aí que 13 Deputados se opuxesen, e o plan de emprego unha moción do PP, que 13 Deputados si apoiaron”.

Confesións públicas
Tal e como confesou publicamente no Pleno a voceira provincial do PP, cómpre destacar, en primeiro lugar, que o Partido Popular presentou unha proposta para facer un plan de emprego nos Concellos porque o propio Presidente lle trasladou a Elena Candia, durante as conversas para consensuar o orzamento, que quería ofrecérllelo aos municipios e establecer que as propias entidades locais tivesen máis potestade no mesmo para encaixalo as súas necesidades. Polo tanto, tentou, sen éxito, copiar a Campos. Pois o Presidente nunca lle especificou a cantidade para esta programación, que o PP valorou en 5 millóns, xa que dos 6 millóns de euros do Orzamento de 2016 para políticas de emprego, Campos Conde ten previsto, ademais dunha programación para todos os municipios lucenses, outros plans cos sectores produtivos e asociativo para acadar unha maior inserción laboral. É dicir, que rematada a programación, os traballadores continúen nos seus postos de traballo, evitando, na maior medida, a temporalibilidade.

En segundo lugar, o PP fai esta proposta a través dunha moción ao Pleno, cando un plan de emprego nin se pode aprobar mediante unha moción, en todo caso a través dunha proposta de Goberno, que é quen xestiona; ao igual que tampouco se aproba no Pleno, senón na Xunta de Goberno. Tal como hoxe lembrou Campos Conde, hai a sentenza contra o recurso desestimado de Elena Candia contra o Plan de Emprego en Concellos de menos de 5.000 habitantes da Rede Natura que fixo a Deputación, que estable a “lexitimidade” da Xunta de Goberno para aprobar os plans de emprego e as súas bases.  

TERCEIRA INCONGRUENCIA: 13 Deputados votan en contra da proposta do Goberno para que a Deputación financie en Sarria as obras na Ponte Ribeira, na residencia e na piscina, pero votar a favor da moción do PP cando supón menos investimento para este Concello.

O Presidente explicou “a Alcaldesa de Sarria pediu axuda para arranxar a Ponte Ribeira, para melloras na residencia e para a instalación eléctrica da piscina municipal. Por iso, o Goberno Provincial fixo esta proposta, que 13 Deputados rexeitaron. Pola contra, votan a favor da moción do PP que supón menos inversión en Sarria, xa que se opuxeron as obras na piscina municipal, que son as únicas pendentes para poder abrir estas instalacións. Non se entende. E máis aínda cando o propio voceiro do PP en Sarria, que tamén foi Alcalde, é Deputado Provincial. Van en contra dos intereses dos sarriáns”.

“Prioridade”: presuposto e Pleno Extraordinario
O Presidente explicou que “os mesmos 13 Deputados manteñen bloqueada a  aprobación definitiva do Orzamento. Se se aprobou de xeito inicial foi, exclusivamente, gracias ao Goberno. O Deputado non adscrito xa foi capaz de votar en contra, e o Partido Popular, consciente de que non podía opoñerse, fixo o paripé de marchase. Agora presentaron unha ducia de alegacións, no caso do PP o último día legal para facelo, e ata un recurso administrativo, que requiren de numerosos informes técnicos que estamos a elaborar. A miña prioridade é aprobar o orzamento. Por iso, como xa adiantei, convocaremos un Pleno Extraordinario nos primeiros días de maio”.

O Presidente subliñou que “actuaremos respectando os informes técnicos, que establecerán a estimación ou non do conxunto de alegacións e do recurso administrativo; e con moita responsabilidade. Anteporemos, sempre, o interese colectivo dos máis de 350.000 lucenses dos 67 Concellos aos individuais da voceira provincial do Partido Popular e o Deputado non adscrito”.