Deputación de Lugo

A Deputación crea un Acordo Marco para aforrar gastos correntes na compra de alcatrán

A Xunta de Goberno aprobou a contratación dun parado lucense, que traballará de peón gandeiro na Pastoriza co Ben Empregado; e volver a convocar a praza de Licenciado en Xornalismo que quedou vacante

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a creación dun Acordo Marco para a contratación de emulsión asfáltica (alcatrán), que permitirá á Deputación de Lugo aforrar gastos correntes na compra deste material que necesita Vías e Obras e Parque Móbil para acondicionar os máis de 4.200 quilómetros da rede viaria provincial e o arranxo de estradas municipais. 

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que “o prezo da emulsión asfáltica está supeditada ás flutuacións do custo do petróleo. Antes, facíamos un contrato para varias anualidades cun prezo fixo. Isto producía que, cando baixaban os prezos, pagabamos máis do que correspondía. Agora, cada 6 meses faremos licitacións para conseguir prezos menores, tanto pola oscilación do prezo da emulsión asfáltica, como polos descontos que ofrezan as empresas do Acordo Marco”.

O importe máximo para a contratación deste servizo é de case 1,5 millóns de euros para as anualidades de 2016, 2017 e 2018.

Santos Ramos tamén explicou que para a elaboración do Acordo Marco “publicamos a convocatoria a nivel europeo e 4 empresas do sector decidiron presentarse. Finalmente, por falta de documentación dunha das entidades, o panel de empresas definitivo está conformado por 3 entidades”.

Emprego
A Xunta de Goberno resolveu a contratación dun desempregado lucense, que comezará a traballar de peón gandeiro no Concello da Pastoriza a través do Ben Empregado!. Na sesión tamén se aprobou convocar de novo unha praza de Licenciado en Xornalismo, posto que quedou vacante no anterior proceso selectivo ao non superar ningún dos candidatos as probas.