Deputación de Lugo

A Deputación define con Tradime e Asociación das Confiterías accións formativas do LUGOWORK

- A Asociación do Transporte demanda formación en condución eficiente, curso obrigatorio do  CAP e formación en prevención de riesgos laborais. - A asociación de confiterías artesanais pide programas formativos moi específicos

A Deputación celebrou este venres dúas novas mesas sectoriais, unha coa Asociación de Transporte de Mercadorías da Provincia de Lugo e outra coa Asociación de Confiterías. Nestas reunións, definiron accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo na provincia luguesa. Esta programación está dotada de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.

Dende a Asociación de Transporte de Mercancías da provincia de Lugo, Tradime, que conta con 250 asociados, demanda formación en condución eficiente, curso obrigatorio do  CAP, e formación en prevención de riesgos laborais. Este sector sinala que o 70% dos seus asociados son autónomos, e que son propietarios dunha media de entre 1 e 3 camións por usuario.

E no que se refire a xuntanza coa Asociación de Confiterías piden colaboración para poñer en marcha programas formativos específicos. Remarcan que este sector ten moita complexidade polas quendas de traballo, pero sinalan que a día de hoxe ten moitas expectativas de crecemento.

Nove mesas sectoriais
O organismo provincial xa celebrou nove mesas sectoriais, pois mantivo encontros con membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo; coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC); coa Fundación Laboral da Construción; coas Mulleres Empresarias da Provincia; con APREVAR, así como coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE). Durante esta mesma semana tamén mantivo encontros co sector da transformación madeira e coa Asociación de Fabricantes de Pan.

Nas vindeiras semanas continuarán as mesas sectoriais e os encontros con profesionais de toda a provincia. O Deputado Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende internet, en www.deputacionlugo.gal.  En xuño, Deputación e EOI teñen previsto presentar a programación das accións formativas do LUGOWORK.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.