Deputación de Lugo

Máis de 200 persoas participan no congreso Rexeneración Urbana e Territorial dende a Intervención en Edificios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Xerente da Asociación de Empresarios da Construción de Lugo, Eugenio Corral Álvarez, inaugurou este venres no congreso Rexeneración Urbana e Territorial dende a Intervención en Edificios, no que participan máis de 200 persoas de todo o estado. Trátase dunha iniciativa pioneira, pois reuniu en Lugo a prestixioso arquitecto a nivel nacional, que se enmarca no programa Reacciona 2020 de Deputación e APEC.

Deste xeito, ás 16:30 horas, tivo lugar a ponencia Arquitectura da vivenda, a cargo do Premio Nacional de Arquitectura, Manuel Gallego Jorreto; ás 18:30 horas, Arquitectura e realidade, a cargo de Premio Nacional de Arquitectura, Víctor López Cotelo; e ás 20:45 horas, a Mesa Redonda con expertos das anteriores ponencias, moderado polo Doutor e Director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, Fernando Agrasar Quiroga.

O sábado, 11 de xuño, será o día das visitas guiadas. Ás 08:00 horas, sairán de Lugo cara Santiago de Compostela para, ás 09:45 horas, visitar o Centro Nacional de Referencia en Rehabilitación. Posteriormente, ás 12:00 horas, será o turno do Museo das Peregrinacións. A saída de Santiago a Lugo está prevista cara as 13:30 horas.

Campos Conde subliñou que “está claro é que durante estes días, Lugo é un punto de referencia no sector da rehabilitación, xa non só a nivel Galego, senón tamén a nivel estatal, pois temos a honra de que neste congreso participen prestixiosos expertos na materia: dende profesores, reputados profesionais do sector e ata varios premios nacionais que farán de Lugo, aínda que só sexa por uns días, se converta na capital da construción e da arquitectura. O certo é que hai un feito que debemos ter moi en conta se queremos impulsar este sector: a rehabilitación eficiente de vivendas. Esta vía o que nos permitirá é, aparte de darlle un pulo a este sector, crear un parque de vivendas eficaces e sostibles, tal e como establecen as normativas europeas en relación á construción de vivendas”.