Deputación de Lugo

A Deputación define coas Empresarias da Provincia e APREVAR accións formativas do LUGOWORK

- As empresarias subliñaron a necesidade de acadar profesionais con maiores habilidades comerciais e propuxeron cursos sobre técnicas para a atención ao público, captación de novos clientes e mercados, e manexo de novas tecnoloxías - APREVAR puxo de manifesto a necesidade acadar profesionais cun amplo coñecemento sobre o comercio multisectorial, é dicir, tanto automobilístico como de maquinaria agrícola. Demandaron cursos sobre os avances que se están a realizar nas empresas punteiras de fabricantes de pezas para vehículos - A vindeira semana a Deputación celebrará mesas sectoriais con AJE, AGESTIC e Asociación de Transformación da Madeira. Xa as tivo cos hostaleiros e cos profesionais da construción

A Deputación celebrou este venres dúas mesas sectoriais para definir novas accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia. Está dotado de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial para ofrecer a mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, definidos polos sectores produtivos da provincia, de cara a súa inserción laboral por conta allea ou fomentando o emprendemento.

Deste xeito, o Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, mantivo sendos encontros coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e coa Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (APREVAR).  

Rivera Capón avanzou que a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo considera necesario que os profesionais do sector empresarial adquiran maiores habilidades comerciais, polo que propuxeron accións formativos neste senso, nas que tamén se lles ofreza técnicas sobre a atención ao público e a captación de novos clientes e mercados. Este colectivo insistiu na necesidade de acadar profesionais cun bo manexo e coñecemento das novas tecnoloxías.

APREVAR puxo de manifesto a necesidade acadar profesionais cun amplo coñecemento sobre o comercio multisectorial, é dicir, tanto automobilístico como de maquinaria agrícola. Demandaron cursos sobre os avances que se están a realizar nas empresas punteiras de fabricantes de pezas para vehículos.

Calendario
A Deputación xa mantivo encontros con representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) e coa Fundación Laboral da Construción. Tras os encontros de hoxe coas Mulleres Empresarias da Provincia e APREVAR, as seguintes mesas sectoriais serán: o luns día 9 de maio, coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE); o martes día 10 de maio, coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC); e o xoves día 12 de maio, coa Asociación de Transformación da Madeira.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.

Durante o mes de maio, a Deputación celebrará mesas sectoriais e manterá encontros con profesionais de todos os sectores para avaliar os nichos de emprego na provincia e deseñar as accións formativas. Por iso Pablo Rivera emprazou ao tecido asociativo e a todos os empresarios que queiran participar “xa que poden facelo a través de Internet, pois na web provincial, www.deputacionlugo.gal, hai publicado un formulario para trasladar á institución as súas necesidades ou facer chegar as súas propostas formativas”. En xuño, Deputación e EOI presentarán a programación das accións formativas do LUGOWORK.