Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aproba obras de 96.000 euros no circuíto dos Ancares

- Son traballos na estrada LU-P-3502, de Muñís a Rao, en Navia de Suarna, onde se produciu un desprendemento de terras e unha fenda no firme da calzada
- Santos Ramos destacou que “esta estrada é unha das principais vías de comunicación da Montaña luguesa, pois forma parte do circuíto dos Ancares, ademais de unir Navia de Suarna con Cervantes, e coas comunidades de León e Asturias”
- “Queremos insistir na necesidade de que o AVE chegue a Galicia en 2019, pero tamén a Lugo. Non pode haber AVE a Galicia, sen que haxa AVE a Lugo, porque somos unha provincia que merece oportunidades de desenvolvemento”
- A previsión do Goberno é que o Orzamento 2017 poida ir ao seguinte Pleno, que se trasladará ao 1 de marzo porque o día 28 é martes de Entroido

O Goberno da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno obras de emerxencia, por valor de 96.000 euros, na estrada LU-P-3502, de Muñís a Rao, no punto quilométrico 15, onde, debido ás condicións climatolóxicas, se produciu un desprendemento de terra que derivou nunha fenda no firme da calzada.

Así o comunicou o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, que destacou que “esta estrada é unha das principais vías de comunicación da zona da Montaña luguesa, pois forma parte do chamado circuíto dos Ancares, ademais de unir Navia de Suarna con Cervantes, e coas comunidades de León e Asturias”.

“É, polo tanto, unha estrada moi empregada polos veciños da Montaña luguesa e tamén polos visitantes aos Ancares. Por exemplo, as fins de semana duplica o número de usuarios, pois conecta co Piornedo, entre outros puntos de interese turístico. Os traballos que se levarán a cabo consistirán no reforzo da calzada, reparación do firme e remodelación do sistema de drenaxe de auga”, destacou Santos Ramos.

A Xunta de Goberno da Deputación resolveu a contratación de 2 desempregados lucenses, que comezarán a traballar noutras tantas empresas lucenses a través do Ben Empregado 2. Trátanse dun panadeiro no Páramo e un peón no Saviñao.

Infraestruturas ferroviarias
Noutra orde de asuntos, Santos Ramos criticou o trato que esta tendo a provincia de Lugo no eido da planificación de infraestruturas, que non permiten unhas correctas e óptimas expectativas de cara ao futuro. “Vimos como o Secretario de Estado de infraestruturas falaba de intermodais en Coruña, en Pontevedra e Ourense, e deixaba completamente esquecido Lugo, o que tamén significa que o AVE a Lugo non é unha prioridade e en realidade non se está traballando nel desde o Goberno Central”, destacou Santos Ramos.

“Queremos insistir na necesidade de que o AVE chegue a Galicia en 2019, e polo tanto tamén a Lugo no ano 2019. Non pode haber AVE a Galicia, sen que haxa AVE a Lugo, porque tamén somos galegos, e unha provincia que merece oportunidades de desenvolvemento. Hoxe vemos que Fomento tamén exclúe ao noroeste peninsular dos fondos da Unión Europea para o Corredor Atlántico de Mercadorías”.

Pleno 1 de marzo
O voceiro avanzou que “a previsión do Goberno é que o Orzamento 2017 poida ir ao seguinte Pleno, que se trasladará ao 1 de marzo porque o día 28 é martes de Entroido.    Na semana que vén seguro que hai novidades respecto ao novo Orzamento da Deputación”.