Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación convida aos lucenses a doar sangue, en colaboración co CB Breogán

- O organismo provincial promove que o vindeiro partido do Breogán se dedique á doazón de sangue. O mércores e o xoves a unidade móbil da ADOS desprazarase á capital luguesa, e o sábado distribuirase información entre os asistentes ao partido
- Rivera Capón subliñou que “os días 22 e 23 de febreiro, todas as persoas que se acheguen a doar, recibirán un pack de dúas entradas (unha de adulto e outra infantil), cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, a este encontro”
- A unidade móbil estará este luns na Pontenova, o martes en Sarria, o venres na Pastoriza e Riotorto e o sábado en Pol. Entre as persoas que se acheguen a doar sortearanse camisetas co lema “Doa Sangue” asinadas polos xogadores do Breogán
- Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este luns xunto ao Presidente do CB Breogán, Suso Lázare Rincón, e a presidenta da Asociación de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación. O organismo provincial promove que o vindeiro partido do Breogán no Pazo dos Deportes, que terá lugar o sábado 25, estea dedicado á doazón de sangue, polo que se distribuirán tarxetóns informativos entre os asistentes, convidándoos a realizar este acto altruísta.

Rivera Capón subliñou que “o mércores e o xoves a unidade móbil da ADOS desprazarase ata a capital luguesa, polo que convidamos a todos os veciños a que se acheguen a facer gala da xenerosidade que nos caracteriza. Cada día son necesarias 500 doazóns de sangue para garantir o adecuado desenvolvemento da labor asistencial dos hospitais galegos”.

O Deputado de Deportes engadiu que “os días 22 e 23 de febreiro, todas as persoas que se acheguen a doar, recibirán como obsequio un pack de dúas entradas (unha de adulto e outra infantil ata completar aforo) cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, ao encontro do sábado”.
As persoas que desexen participar poderán acudir ata a unidade móbil de ADOS que situará o mércores 22 na Praza de Bretaña dende as 09:30 ata as 14:30 e na Praza Maior dende as 15:30 ata as 21:00 horas; e o xoves 23, no Edificio Administrativo da Xunta, de 09:30 a 14:30 horas.

Pola súa parte, Marisa López García explicou que “doar sangue é un acto seguro, sinxelo e necesario para que moitas persoas poidan solucionar o seu problema de saúde, e mesmo, salvar a vida. Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3; deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses”.

Cómpre sinalar, ademais, que entre as persoas que acudan a doar sangue entre os días 20 e 28 de febreiro, tanto na unidade móbil que se desprazará por distintos puntos da provincia de Lugo como ata ao punto fixo de doazón de ADOS no Hospital Lucus Augusti, sortearanse camisetas co lema “Doa Sangue” asinadas polos xogadores do CB Breogán.

Este luns 20, a unidade móbil desprazarase ao Concello de A Pontenova e situarase na Praza dos Fornos de 16:30 a 21:00 horas. O martes 21, trasladarase ao Concello de Sarria, fronte ao Paseo do Malecón, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O venres 24, estará na Praza do Concello de A Pastoriza, de 16:00 a 18:30 horas e, a continuación, ao carón da Igrexa do Concello de Riotorto, en horario de 19:00 a 21:00 horas. E o sábado 25, diante do Concello de Pol, dende as 10:00 ata as 15:00 horas.

Punto de doazón de sangue en Lugo
Ademais das unidades móbiles, ADOS dispón de sete puntos fixos de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas. En Lugo este punto sitúase no Hospital Lucus Augusti (cuarto andar, fronte as escaleiras mecánicas do acceso principal), e ten un horario de inverno (de outubro a marzo) de 8:00 a 22:00, os luns e os venres, e de 8:00 a 15:00, os martes, mércores e xoves. O horario de verán (de abril a setembro) é de 8:00 a 15:00 horas de luns a venres. As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón envíanse a diario ao Centro de Transfusión de Galicia (CTG), situado no campus universitario de Santiago, para o seu procesamento, análise e conservación.