Deputación de Lugo

Campos Conde exalta a “maxia da Mariña”, na Feira Internacional de Turismo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente da Mancomunidade da Mariña Lucense e Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, ao Delegado Territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e o xornalista Jenaro Castro, presentaron este xoves en FITUR a campaña A Mariña Lucense, Máxica por Natureza, na que reivindicaron as potencialidades turísticas e a beleza da costa lucense.

Campos Conde, que apelou á súa condición de mariñán, afirmou que “gustaríame que, por un momento, a xente que hoxe está aquí puidese sentir ou imaxinar ou feitizo da  Mariña de Lugo. Un dos aspectos máis coñecidos da Mariña son, probablemente, as súas praias, feito que non é de estrañar. Temos máis de 100 quilómetros de costa, nas que brillan xoias como as Praias das Catedrais, declarada Monumento Natural. Pero esta fermosura da Montaña non a compón, exclusivamente, a nosa espectacular costa, senón tamén o interior, onde contamos cunha ampla variedade de recursos e atractivos turísticos. Con este orgullo, dígovos que temos de todo”. 
 
“A Mariña presenta tal diversidade, que se divide en 3 zonas: Occidental, Central e Oriental. Todas elas, no seu conxunto e cos 16 municipios ofrécennos algo especial
Na Mariña occidental, temos as praias de area fina do Vicedo e os acantilados de Xove; para os amantes da arquitectura que poden desfrutar do casco Histórico de Viveiro e de Mondoñedo, así como as casas indianas de Ribadeo. Tamén podemos viaxar no tempo ás orixes da Galicia industrial, coa visita da antiga fábrica de Sargadelos, en Cervo; berce dunha cerámica que é unha sinal de identidade”

“Na Mariña Central, a antiga capital do Reino de Galicia, Mondoñedo, amosa orgullosa a súa catedral, declarada Patrimonio de la Humanidade. Ademais, hai outras paradas obrigatorias, como o Castelo do Castro de Ouro, en Alfoz, declarado Ben de Interese Cultural; a basílica románica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, considerada como a catedral máis antiga de España, ou o mosteiro de San Salvador, en Lourenzá. Do patrimonio histórico pasamos ao balcón do Cantábrico, pois en Burela podemos coñecer o seu porto pesqueiro, onde se captura o bonito. Non podemos deixar a comarca sen coñecer a fermosa fervenza de Pozo de Onza, no Valadouro”.

“Finalmente, a Mariña Oriental acolle o río salmoneiro por excelencia, o Eo, que recorre o municipio de Trabada e A Pontenova. Ademais das súas espectaculares praias, como as de Barreiros ou Ribadeo. No aspecto cultural e etnográfico non nos podemos esquecer dos fornos de Vilaoudriz, na Pontenova, un auténtico vestixio industrial do S.XX ou os tradicionais ferreiros de Riotorto”.

“Calquera persoa que coñeza a Mariña poderá suxerirvos praias, bosques, ríos e monumentos arquitectónicos de grande beleza; e cando os descubrades, entenderedes de verdade por que dicimos que a Mariña é Máxica por Natureza”.