Deputación de Lugo

A Deputación define cos hostaleiros da provincia accións formativas do LUGOWORK

- O Presidente reuniuse con representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, na que foi a primeira mesa sectorial do LUGOWORK
- O organismo provincial celebrará encontros con profesionais de todos os sectores durante o mes de maio co fin de presentar a programación de cursos en xuño
- 50 empresarios enviaron as súas propostas a través de Internet, pois en www.deputacionlugo.gal está o formulario que busca garantir a máxima participación

O Presidente, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, mantiveron un encontro con representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, na que foi a primeira mesa sectorial do LUGOWORK, para definir conxuntamente e en base ás necesidades deste sector accións formativas do que é o plan de emprego xuvenil participativo da Deputación. Está dotado de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.

LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.

O Presidente explicou que, durante o mes de maio, a Deputación celebrará mesas sectoriais e manterá encontros con profesionais de todos os sectores para avaliar os nichos de emprego na provincia e deseñar as accións formativas. Campos Conde lembrou que todos os empresarios que queiran participar tamén poden facelo a través de Internet, pois na web provincial, www.deputacionlugo.gal, hai publicado un formulario para trasladar á institución as súas necesidades ou facer chegar as súas propostas formativas. De feito, 50 empresas xa o fixeron. En xuño, Deputación e EOI presentarán a programación das accións formativas do LUGOWORK

Próximas mesas sectoriais
Tras o encontro de hoxe cos hostaleiros, as seguintes mesas sectoriais serán coa Asociación Provincial Empresarios da Construción (APEC); Asociación Galega de Empresas de TIC (AGESTIC); Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE); Confederación de Empresarios Lucenses (CEL); Asociación de Fabricantes de Pan; Asociación de Transformación de Madeira; Asociación de Ebanistería; Federación de Comercio de Lugo; Asociación de Confiterías ou Asociación de Transportes de Mercadorías, entre outros moitas.