Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o produto estrela de Abadín colaborando coa XI Exprogrelo

- Máis de 20 produtores porán a venda este sábado máis de 2 toneladas de grelo, produto con Indicación Xeográfica Protexida (IXP)
- O  Presidente subliñou que “colaboramos coa cita para para fomentar a comercialización e o consumo deste produto, que é un dos motores económicos da zona, pois hai máis de 200 produtores que comercializan 400.000 quilos de grelos, xerando 250 postos de traballo”
- Na xornada hai programado unha degustación do grelo de Abadín e un certame de premios aos mellores produtores deste produto característico de toda a Comarca

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Abadín, Xosé María López Rancaño, e a Concelleira de Cultura, María Begoña Gaute Verdes, presentaron este venres no Pazo Provincial a XI Feira Expogrelo que se celebra este sábado, no recinto feiral de Gontán. O organismo provincial fai unha achega de 3.000 euros, ao igual que fai con outro medio cento de actividades dirixidas a potenciar os principais sectores produtivos da provincia.

Campos Conde destacou que “colaboramos con esta cita para para fomentar a comercialización e o consumo deste produto, que é un dos motores económicos da zona, pois ao redor de 200 produtores comercializan ata 400.000 quilos de grelos, xerando máis de 250 postos de traballo”.

Expogrelo é exemplo dunha cita que, máis aló do seu aspecto lúdico, supón un importante evento de promoción dos produtos autóctonos de calidade cuxa comercialización é capaz de xerar riqueza e postos de traballo na provincia. Nos últimos anos, as vendas deste produto, que conta co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida –IXP-, aumentaron un 40% grazas a iniciativas como Expogrelo.

O Alcalde quixero agradecer a colaboración prestada pola Deputación ao tempo que convidou aos veciños a coñecer Abadín e a probar o seu grelo mañá sábado.

Programación
As actividades darán comezo ás 9:00 horas coa numeración das cestas de grelos e a apertura o recinto feiral. Ás 12:30 horas terá lugar unha degustación de grelos de Abadín e, finalmente, ás 14:00 horas daranse a coñecer os gañadores dos premios ás mellores cestas. As actividades previstas completaranse con degustacións de pratos elaborados polos locales de restauración da localidade, así como diferentes actuacións musicais.