Deputación de Lugo

Unanimidade na Deputación de Lugo en defensa dos traballadores de Alcoa

Imaxe deputación de lugo
O Pleno aprobou unha declaración institucional que propuxo o Presidente na busca do apoio de toda a Corporación Provincial e que recolle exactamente os mesmos acordos que contemplaba a proposta do Goberno Provincial

O Pleno da Deputación de Lugo vén de aprobar por unanimidade a declaración institucional que propuxo o Presidente, Darío Campos Conde, na busca da defensa de toda a Corporación Provincial aos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao.

Campos Conde decidiu transformar a proposta do Goberno Provincial nesta declaración institucional, que recolle, exactamente, os mesmos acordos que plantexaba o equipo de goberno da Deputación.

A declaración institucional é a seguinte:

Nestes días, teñen aparecido publicamente informacións sobre a intención da multinacional Alcoa de pór á venda, entre outras, a planta de aluminio que posúe en San Cibrao, que dá emprego, nestes momentos, a 1.300 traballadoras e traballadores.

O  impacto social e económico que supón tal planta nesta comarca e na provincia empregando a persoas de moitos Concellos convértea, ante a falla de industrialización da zona, nun dos principais sectores tanto a nivel económico como de emprego.

Permitir a destrución ou desestruturación dun centro de traballo destas características sería unha traxedia, que suporía condenar á Comarca de A Mariña e á provincia de Lugo en xeral a un futuro incerto, pois xeraría aínda máis desemprego e favorecería a emigración e o despoboamento dos nosos Concellos.

Esta situación estase a dar, entre outros motivos, debido a que a día de hoxe a Xunta aínda non puxo en funcionamento o acordo do Parlamento Galego para a creación dunha tarifa eléctrica galega, que permita á industria e á poboación en xeral abastecerse de enerxía eléctrica a prezos acordes á capacidade produtiva de Galicia, como territorio excedentario que somos.

Tendo en conta o exposto, e ante a incerteza que se vive nestes momentos, o  Goberno da Deputación de Lugo somete a debate e aprobación polo Pleno os seguintes acordos:

1.- A Deputación de Lugo traslada o seu apoio ás traballadoras e traballadores da planta de Aluminio que a multinacional Alcoa posúe en San Cibrao, e ponse á súa disposición para realizar todas e cantas  xestións estean ao seu alcance para garantir os postos de traballo.

2.- A Deputación de Lugo manifesta que os arredor de 1.300 empregos que supón a planta de aluminio son fundamentais para a provincia de Lugo e, en particular, para garantir a supervivencia e o futuro da Mariña e das familias que viven nesta Comarca.

3.- A Deputación de Lugo insta a todas as institucións públicas a traballar coordinada e continuamente co obxectivo de garantir que ningunha das posibles situacións que se poidan dar afecten aos empregos; que se manteña o número de postos de traballo e as condicións dos mesmos; e se evite que as nosas veciñas e veciños se vexan afectados polas repercusións negativas das decisións empresariais dunha multinacional que actúe en base aos seus propios intereses económicos, sen valorar as consecuencias sociais das mesmas no noso territorio.

4.- O Pleno da Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a realizar todas e cantas xestións sexan necesarias para a permanencia da citada planta de aluminio, entre outras, e para pór en funcionamento unha tarifa eléctrica galega que permita as industrias e familias abaratar os custes de abastecemento en Galicia, comunidade excedentaria na produción enerxética.