Deputación de Lugo

A Deputación apoia aos Concellos fronte aos retos da Lei de transparencia e da necesaria modernización financeira

- Os concellos de Lugo foron capaces, durante os anos da crise, de reducir a débeda municipal por habitante nun 10%, situando ao conxunto da provincia nos niveis máis baixos de España - Na xornada salientouse a necesidade de actuar sobre o IBI mediante unha revisión das valoracións catastrais naqueles concellos que non o fan hai máis de 10 anos

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, pechou hoxe venres a Xornada sobre a evolución das finanzas dos concellos durante os anos da crise e o seu impacto nos servizos municipais, organizada pola Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela, a través do IDEGA. Á xornada asistiron máis de 60 persoas, entre alcaldes e técnicos municipais e nela participaron investigadores como Jesús Suárez Pandiello, catedrático de Economía da Universidade de Oviedo e un dos maiores expertos en finanzas municipais do Estado, quen puxo de relevo que “esta pode ser unha grande oportunidade histórica para enfrontar a reforma local en España”.

Durante a xornada trazouse unha panorámica do estado das finanzas municipais na provincia, que gozan de moi boa saúde, tal como informou o doutor en Economía e director do IDEGA, Xaquín Fernández Leiceaga, quen destacou que “os concellos de Lugo fixeron un esforzo moi grande estes anos enfrontándose a unha situación de partida moi difícil, de tal xeito que hoxe en día xa están mellor que ao principio da crise. Agora, neste novo escenario será oportuno relaxar os controis do gasto e mellorar a eficiencia”.

Campos Conde destacou que “nos últimos anos, a crise económica fixo aos concellos máis responsables diante da cidadanía, obrigándoos a obter unha proporción cada vez maior dos recursos por medios propios, ante a caída dos recursos achegados polo Estado. Os concellos de Lugo foron capaces, non obstante de reducir a débeda municipal por habitante nun 10%, situando ao conxunto da provincia nos niveis máis baixos de España”. Conde sinalou o “exemplo” da Deputación de Lugo, “que acadou a débeda cero en 2015, deixando atrás os 120 millóns de débeda cos que se atopaba en 2007”.

Esta situación de boa saúde financeira  non debe ocultar, porén, que “os concellos teñen problemas que atinxen aos seus tributos e hai que afrontalos con valentía e de xeito integrado mediante unha reforma fiscal”, advertiu o Catedrático e Director do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Santiago Lago Peña. Na súa conferencia, Lago salientou que os impostos locais teñen un bo encaixe nos principios da eficiencia fiscal, ao contrario do que sucede cos impostos autonómicos. E iso é “unha vantaxa á hora de mellorar algúns aspectos destes impostos para optimizar os recursos locais”. Entre estas medidas, Lago destacou a importancia de revisar as valoracións catastrais antes de planear subidas do IBI, xa que “hai concellos que suman máis de 25 anos sen revisión catastral, o cal provoca iniquidade entre a poboación, xa que dentro dun mesmo concello hai veciños que pagan tres veces máis contribución que outros con propiedades de similar valor real pero que non teñen feita a revisión catastral”.

Lago explicou que a reforma do sistema fiscal local se pode acometer tamén introducindo recargos no IRPF, reformando o IAE e valorando a posibilidade de introducir un imposto sobre negocios, tal e como se fai en Italia, ou estendendo o uso das taxas. Tamén considera necesario revisar o resto de impostos locais e simplificar a tributación do automóbil nunha soa figura, eliminando o imposto de matriculación e quedando só co de circulación.

Fernández Leiceaga, director do IDEGA, agradeceu ao Presidente da Deputación a organización da xornada e destacou que “é importante que a Deputación negocie conxuntamente os intereses da débeda para os concellos máis pequenos, xa que existen grandes diferenzas nos costes financeiros que estes teñen en comparación cos dos concellos máis grandes”. 

O reto da transparencia
Na xornada tamén se abordaron cuestións relativas á transparencia e ás reformas orzamentarias dos Concellos. José Caamaño, profesor de Economía Aplicada de Santiago, presentou as conclusións do informe elaborado pola Red Localis, “Más transparencia para un mejor gobierno local”. Caamaño abordou os desafíos que supón o cumprimento da Lei de Transparencia para a maioría dos Concellos galegos, caracterizados por unha grande dispersión e poboación envellecida, dous factores que inciden na fenda dixital. “As entidades locais galegas non se atopan preparadas para responder aos retos tecnolóxicos, normativos, de cooperación interadministrativa e de índole social e política derivados da implantación da Lei de Transparencia”. Por iso, Caamaño explicou que é necesario poñer en marcha “solucións ponte ou de transición para ir salvando os mínimos que esixe a lei”. Caamaño propuxo que sexan as Deputacións as que “proporcionen apoio financeiro e técnico á modernización dos orzamentos locais”, ao tempo que destacou a “importancia de compartir as experiencias innovadoras”.

Precisamente, estas dúas cuestións forman parte dos obxectivos que a Deputación de Lugo se fixou ao crear, en 2015, o Observatorio das Finanzas Municipais, en colaboración coa Universidade de Santiago, a través do IDEGA. Así o destacou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especiais de Contas, Pilar García Porto, que foi a encargada de inaugurar a xornada.

Porto explicou que “o noso obxectivo como institución pública é manter a provincia cunhas contas saneadas e equilibradas, racionalizar o gasto e mellorar a eficacia e eficiencia dos procesos. Neste senso, o Observatorio de Finanzas Municipais é de grande utilidade, xa que nos permite ter un sistema de información sobre o comportamento económico e financeiro dos Concellos da provincia. E, deste xeito, detectar situacións que esixan accións subsidiarias da Deputación e establecer estratexias de mellora na xestión pública”.