Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación ofrece a 105 mozos no paro formación e emprego cos primeiros 7 cursos do LUGOWORK  

- É o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Executivo tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da EOI - As accións formativas son para menores de 30 no paro e inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Responden ás necesidades laborais do tecido produtivo da provincia -Tras a formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas lucenses ás que a Deputación ofrecerá axudas de 5.000 euros para os custos laborais  

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, ao Director de Innovación e ao Director de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial, Miguel Sánchez Galindo e Francisco Javier de Benito, respectivamente, informou este xoves sobre a posta en marcha das 7 primeiras accións formativas para lucenses menores de 30 anos no paro, que inclúe o LUGOWORK. É o 1º plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Goberno Provincial tras captar preto de 2 millóns de euros da Unión Europea a través da EOI. O 91,89% dos fondos deste plan son do Fondo Social Europeo.

Campos Conde avanzou que “tras esta fase de formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas da provincia durante 6 meses. Para elo, abriremos unha convocatoria pública, dirixida ao tecido produtivo lucense, ofrecéndolles axudas de 5.000 euros para a contratación dos mozos que conclúan con éxito esta formación, que se axusta ás necesidades laborais das empresas da provincia”.

Requisitos, prazos e cursos
Estes cursos, totalmente gratuítos, inclúen preto de 1.600 horas de formación para 105 desempregados lucenses. Os participantes teñen que ser lucenses menores de 30 anos e estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. As accións formativas levaranse ás zonas Centro, Norte, Sur e Montaña lucenses, pois celebraranse en Lugo, Viveiro, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.

Mañá mesmo se abrirá o prazo de solicitude en www.deputacionlugo.gal e en www.eoi.es. Este rematará o 3 de febreiro de 2007. Os interesados poden solicitar máis información en lugowork@deputacionlugo.org e en 982-26-00-88 ou 982-26-00-77.

As 7 accións formativas son as seguintes:
- Auxiliar de Vendas Online e Atención ao Público.
- Axudante de Cociña e Servizo de Restauración.
- Emprego eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal.
- Aserrado de madeira.
- Auxiliar de Xestión Informática e Internet para Pemes.
- Traballos auxiliares en obras de rehabilitación e construción.
- Operario de obra civil.

Máis cursos e axudas no 2017
O Vicepresidente adiantou que en xaneiro se porán en marcha máis cursos, que  supoñan posteriores contratos subvencionados pola Deputación en empresas lucenses. Tamén o 2017, arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.

Sistema de Garantía Xuvenil
Ademais de ser lucense e ter menos de 30 anos, outro dos requisitos fundamental para participar no LUGOWORK e estar inscrito no Sistema de Garantía Xuvenil. Para poder facelo, os interesados non poden ter recibido por parte dunha administración pública formación de máis de 40 horas nos últimos 3 meses; non ter traballado nos 30 días naturais anteriores; ter nacionalidade española e entre 16 anos e menos de 30. A inscrición en http://www.empleo.gob.es/es/garantiajuvenil/accesoJovenes.html.

Plan participativo
A comezos deste ano, Deputación e EOI asinaban o convenio de colaboración. Isto supuxo, que o Goberno Provincial iniciase a primeira das tres fase do LUGOWORK. Foi a de diagnóstico, que consistiu no estudo dos perfís profesionais que necesita o tecido empresarial da provincia para mellorar a súa competitividade. O obxectivo desta fase foi coñecer as necesidades laborais dos diferentes sectores produtivos da provincia para, en base ás mesmas, definir as accións formativas do LUGOWORK, dirixidas a lucenses menores de 30 anos e no paro. “Esta fase de diagnóstico foi totalmente participativa, pois, creo, que esta é a mellor fórmula para coñecer as  necesidades laborais das empresas lucenses; ademais de ser o único xeito de acadar unha verdadeira inserción laboral na nosa provincia”, subliñou Campos Conde.

Deste xeito, o Goberno Provincial mantivo encontros participativos coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostaleira de Lugo; Asociación Provincial de  Empresarios da Construción; Fundación Laboral da Construción; Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo; Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios; Asociación Provincial  de Jóvenes Empresarios; Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxía da Información e Comunicación; Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira; Asociación Provincial de Fabricantes de Pan; Asociación de empresarios de transporte de mercancías e coa Asociación provincial empresarial de Confitería e Pastelería de Lugo.

“Ademais destas 11 reunións de traballo con representas dos principais sectores económicos da provincia; puxémonos en contacto con máis de 600 empresas lucenses, ás que lles remitimos unha enquisa para coñecer as súas demandas laborais. Con toda esta información, elaboramos un estudo, que recolle as principais necesidades do tecido produtivo da nosa provincia. En base ao mesmo, definimos as primeiras accións formativas do LUGOWORK”, explicou o Presidente.