Deputación de Lugo

A Deputación abre a solicitude dos descontos nos 4 balnearios para maiores de 55 anos

- Dende hoxe mesmo e ata decembro, a Deputación ofrece 600 prazas subvencionadas para recibir tratamentos terapéuticos nestes establecementos, que inclúen a estancia coa pensión completa e actividades lúdicas ou de animación
- O modelo de solicitude está en  www.deputacionlugo.gal. Este debe entregarse no Rexistro da Deputación. As prazas concederanse por rigorosa orde de entrada

A Deputación abriu o prazo de inscrición do seu Lugo Termal 2016, o programa que potencia o benestar social e o turismo termal, ofrecendo a lucenses maiores de 55 anos un total de 600 prazas subvencionadas nos 4 balnearios da provincia.

Isto permite recibir tratamentos terapéuticos con prezos especial ou descontos de ata 60 euros nos seguintes establecementos: Hotel Balneario Augas Santas, en Pantón; Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei; Hotel Balneario Guitiriz e Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas.

O modelo de solicitude está publicado en www.deputacionlugo.gal. Os interesados en solicitar praza deben cubrir e entregar este formulario no Rexistro da Deputación. As prazas concederanse por rigorosa orde de solicitude.

No caso de resultar seleccionado como participante do Lugo Termal 2016, a Deputación porase en contacto co usuario para asignarlle un balneario e unhas datas en función da petición que realice e da dispoñibilidade dos establecementos termais. A continuación, facilitaráselle un bono, que terá que presentar, obrigatoriamente, o día da recepción/entrada no balneario. Dito bono terá que ser recollido na área de Benestar Social da Deputación de Lugo.

Prazas ata decembro e paquetes
As prazas subvencionadas da Deputación nos 4 balnearios están a disposición de todos os lucenses maiores de 55 dende xa e ata decembro. A distribución das 600 é a seguinte: o Hotel Balneario de Lugo Termas Romanas conta con 30 prazas; o Hotel Balneario Augas Santas 235 prazas; o Hotel Balneario Río Pambre 100 prazas e o Hotel Balneario Guitiriz 235.

Os paquetes no que se ofrecen descontos de ata 60 euros a través da subvención da Deputación de Lugo son os seguintes:

- 6 días con 5 noites de estancia, no que o día de entrada é o domingo e o de saída o venres. Son 5 pensións completas. Inclúe 8 técnicas de saúde, un recoñecemento médico á chegada, un programa de animación sociocultural de luns a xoves, asistencia especializada e programas específicos para persoas con problemas de mobilidade ou incapacidade. Todo isto por un prezo máximo de 190 euros.

- 20 técnicas terapéuticas durante 10 días, sen necesidade de estancia. Ten un prezo especial, con desconto.
- posibilidade de prolongar a estadía no balneario tras rematar o paquete subvencionado pola Deputación. Tamén cun prezo especial, con desconto.

5.000 maiores
En anteriores convocatorias, foron 5.000 os lucenses maiores de 55 anos os que se beneficiaron dos descontos da Deputación de Lugo para acceder e gozar de tratamentos terapéuticos nos balnearios da provincia.