Deputación de Lugo

O Pleno aproba as propostas do Goberno para inxectar na provincia outros 300.000 euros a través de Concellos, entidades e colectivos sociais


- Son catro propostas que cumpren cos obxectivos do Executivo Provincial de fomentar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas públicas no rural para favorecer a igualdade de oportunidades no conxunto da provincia
- 100.000 euros son para colaborar co tecido produtivo da provincia mediante o servizo de asesoramento xurídico, económico ou laboral, a unha media anual de 6.000 empresarios e 130 emprendedores lucenses a través da CEL
- 50.000 euros son para contribuír á inserción laboral de persoas con capacidades diferentes ou con dificultades mediante o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI Lugo, que acadou a contratación dun milleiro de lucenses nos últimos 3 anos
- 90.000 euros son para as obras de transformación da antiga gardería do Campus de Lugo no 1º centro de día da provincia para persoas con autismo a través de Raiolas
- 45.600 euros son para novas obras de mellora ou dotación de prestacións públicas en 12 Concellos lucenses con produción hidroeléctrica, pois son remanentes do canon

O Pleno aprobou este martes as propostas do Goberno para inxectar outros 300.000  euros na provincia a través dos Concellos, entidades e colectivos sociais, co obxectivo de impulsar o emprego, os servizos sociais e as infraestruturas no rural, favorecendo a igualdade de oportunidades no conxunto da provincia.  

O Presidente, Darío Campos Conde, agradeceu o “apoio” recibido ás iniciativas do Executivo Provincial, e explicou que con elas “contribuímos con 100.000 euros ao servizo de asesoramento que a Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo ofrece a máis de 6.000 empresas e centos de emprendedores ao ano; potenciamos con 50.000 euros o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI Lugo, que nos últimos 3 anos conseguiu a inserción laboral dun milleiro de persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo; ratificamos o incremento da axuda a Raiolas para transformar con 90.000 euros a antiga gardería do Campus de Lugo no primeiro centro de día da provincia para persoas con autismo, dando, dunha vez por todas, utilidade a este inmoble provincial, así como fin social; e investimos nos Concellos afectados polo canon preto de 45.600 euros, procedentes de remanentes, para que leven a cabo máis actuacións en beneficios dos veciños”. 

CEL
Deste xeito, o Pleno aprobou con 23 votos a favor, pois os dous Deputados do BNG amosaron a súa negativa, a proposta do Goberno Provincial de concesión dunha axuda de 100.000 euros á Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo (CEL). O seu obxecto é contribuír ao funcionamento do servizo de asesoramento xurídico, laboral, económico-fiscal, de internacionalización e emprendemento, que esta entidade ofrece ao ano a máis de 6.000 empresas e a unha media de 130 emprendedores lucenses.

COGAMI
Por unanimidade, o Pleno aprobou a proposta do Executivo Provincial de concesión dunha axuda de 50.000 euros a COGAMI. O seu obxecto é contribuír ao funcionamento do Servizo de Intermediación Laboral, que ten en marcha este colectivo para promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral. A través desta prestación, COGAMI acadouse a inserción laboral de 1.000 persoas con capacidades diferentes ou de difícil acceso ao mercado de traballo nos últimos 3 anos.

Raiolas
Tras acordar en Xunta de Goberno incrementar en 20.000 euros a achega a Raiolas debido aos estragos na gardería do Campus de Lugo por mor de incendios intencionados, o Executivo da Deputación propuxo ao Pleno aprobar a concesión dunha axuda de 90.000 euros en total a este colectivo para financiar a transformación de ditas instalacións provinciais, que o Goberno Provincial xa lle cedeu gratis, no primeiro centro de día da provincia para persoas con autismo. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.  

12 Concellos
Logo de liquidar a débeda do canon nos últimos anos, a Deputación conta a día de hoxe con 45.528 euros de remanentes, procedentes de baixas en obras levadas a cabo nos Concellos. O Presidente decidiu conceder estes cartos aos 12 municipios nos que se deu esta situación. Así o propuxo ao Pleno, acadando a unanimidade do mesmo. Estes son os municipios e as cantidades que reciben os mesmos para novos traballos, que, a proposta de Campos Conde, contratarán directamente as entidades locais para axilizar os procedementos administracións e, polo tanto, a execución dos mesmos:

Carballedo (0,51 euros); A Fonsagrada-Negueira de Muñiz (12.393 euros); Guntín (1.931 euros); Monforte de Lemos (7.497 euros); A Pobra do Brollón (339 euros); Portomarín (2.864 euros); Quiroga (9.855 euros); Ribas do Sil (4.543 euros); O Saviñao (502 euros); Sober (1.250 euros) e Taboada (4.349 euros).