Deputación de Lugo

Máis de 720 desempregados se inscribiron na Bolsa de Emprego da Deputación en tan só 5 días

- Fixérono para solicitar algúns dos 40 postos de traballo en empresas e asociacións de toda a provincia que a día de hoxe ofrece o organismo provincial a través do Ben Empregado - Santos Ramos adiantou que o luns a Deputación ofrecerá outros 14 empregos:  traballadores sociais, peóns gandeiros, axudante de perruquería, arquitecto en prácticas, esteticista, técnico en informática, axente de viaxe, tractorista...

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, avanzou hoxe que a Deputación ofrecerá o vindeiro luns a lucenses no paro outros 14 postos de traballo en empresas e asociacións da provincia. Farao a través da súa Bolsa de Emprego, na que publicará os perfís que requiren as entidades contratistas, que son as que resultaron beneficiadas do Ben Empregado e, polo tanto, recibirán axudas do organismo provincial para os custos salariais e laborais dos futuros traballadores. Precisamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou 3 destas empresas, que buscan outros 3 profesionais.

Santos Ramos destacou o “éxito” da Bolsa de Emprego, pois máis de 720 persoas se inscribiron na mesma durante os 5 días que leva activada. Fixéronno para solicitar algúns dos 40 empregos que se ofertan na actualidade e aos que o luns se engadirán estes 14. 

Trátanse de postos de traballos en diferentes sectores e entidades e colectivos de toda a provincia: traballadores sociais, peóns gandeiros, axudante de perruquería, arquitecto en prácticas, esteticista, técnico en informática, axente de viaxe, tractorista.... As contratistas atópanse en Lugo, Sarria, Guntín, Ribadeo, Navia de Suarna, Mondoñedo, O Saviñao, A Pontenova, As Nogais...

O prazo de solicitude é de 10 días a partir do luns. Ata o mércores continúa aberta a solicitude para os 40 publicados na Bolsa de Emprego.

Máis emprego
A Xunta de Goberno aprobou solicitar á Xunta de Galicia xunto con Cogami o obradoiro “Communitenado 2016” para favorecer a inserción laboral de 24 mozos con necesidades especiais dentro do eido das TIC’s. A iniciativa está destinada a persoas de entre 18 e 25 anos de idade, ou de ata 30 no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%; e nela os participantes recibirán 960 horas de formación teórica e práctica durante 6 seis meses, nos que cobrarán o salario mínimo interprofesional: uns 650 euros ao mes. Ademais, tamén se xeraran empregos, pois sería necesario contratar a  tres monitores. Este obradoiro conta con certificado de profesionalidade.