Deputación de Lugo

A Deputación define coa Asociación Jóvenes Empresarios accións formativas do LUGOWORK

- AJE demandou formación sobre o ámbito comercial, o uso de ferramentas de produtividade empresarial ou o seguemento e fidelización do público
- Mañá terá lugar o encontro coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación. O xoves coa Asociación de Transformación da Madeira

A Deputación celebrou este luns unha mesa sectorial coa Asociación Jóvenes Empresarios (AJE) para definir novas accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia. Esta programación está dotada de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.

Hoxe con AJE, ademais de técnicos provinciais, estivo o Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, que avanzou que este colectivo demanda formación sobre o ámbito comercial, o uso de ferramentas de produtividade empresarial, como as relacionadas coa contabilidade, así como sobre técnicas para o seguemento e fidelización do público.

AJE subliñou tamén a importancia da formación dos profesionais en novas tecnoloxías, sobre todo no ámbito das redes sociais “clave para conseguir un maior rendemento empresarial. O máis importante non é ter un grande coñecemento na materia, senón ser proactivo e implicarse á hora de aprender novas técnicas e recursos”.

Calendario
Con esta xa son 6 os encontros que a Deputación mantivo con representantes de asociacións na provincia de Lugo. Concretamente, o organismo provincial reuniuse con membros da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo; coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC); coa Fundación Laboral da Construción; coas Mulleres Empresarias da Provincia; con APREVAR, así como coa Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE).
Mañá martes, día 10 de maio, terá lugar o encontro coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC); e o xoves, día 12 de maio, coa Asociación de Transformación da Madeira.

Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende internet, en www.deputacionlugo.gal.

En xuño, Deputación e EOI teñen previsto presentar a programación das accións formativas do LUGOWORK.

LUGOWORK
LUGOWORK ofrecerá formación gratuíta a un mínimo de 300 desempregados lucenses de entre 18 a 30 anos para a súa inserción laboral en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e da seguridade social dos novos traballadores; ou por conta allea, opción que fomenta o emprendemento e na que os mozos contarán con ata 3.000 euros para abrir os seus propios negocios.