Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación inicia a contratación das obras da residencia e centro de día público de Meira con preto de 2 millóns de euros

Imaxe deputación de lugo
- Este centro, que podería comezar a construírse no verán, disporá de 30 prazas individuais para residentes e 20 de centro de dia. En total, a capacidade máxima que poderá atender será de 50 persoas
- Todas as empresas poderán presentar as súas ofertas durante 15 días naturais

O Presidente, Darío Campos Conde, avanzou este venres que o Goberno Provincial iniciou a contratación da residencia e centro de día público da Deputación no Concello de Meira, achegando un orzamento de preto de 2 millóns de euros. O BOP publica hoxe os pregos poñendo en marcha o inicio deste proceso. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas durante 15 días naturais.

O prezo de licitación (que é o máximo) destes traballos é de 1.987.378 euros, financiado pola Deputación. O Concello aporta outros 200.000 euros e os terreos onde se construirá. O proxecto recolle que esta infraestrutura contará con 30 habitacións individuais para residentes e 20 para centro de día. A capacidade máxima que poderá atender este centro será de 50 persoas.

Características
A residencia e centro de día público de Meira ocupará unha extensión de 3.312 m2,  dos cales 734 m2 estarán destinados ao edificio. Esta parcela foi posta a disposición polo Concello de Meira para a construción deste inmoble. O terreo para esta obra atopase na rúa Grupo Escolar, no casco urbano da vila.

O edificio contará con planta baixa coas seguintes dependencias: vestíbulo, recepción, aseos adaptados, baños asistidos, despacho de dirección, sala de curas, rehabilitación, sala polivalente, sala de convivencia, sala de terapia, comedor, servizos de cociña, servizos de lavandería, vestiarios do persoal. Na planta 1º, estarán ubicados o control de enfermería, baño xeriátrico e 14 habitacións con baño individuais. Na 2º planta  haberá un local de apoio e 16 habitacións con baño individuais.