Deputación de Lugo

20 estudantes de FP visitan coa Deputación empresas lucenses consolidadas para emprender

- A Deputada de Medio Ambiente visitou este xoves cos participantes do Centro Alta Montaña do Concello de Becerreá empresas - López Izquierdo subliñou que “ofrecemos formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais consolidadas por toda a provincia” - Segue aberto o prazo para participar no Campus de Maduración da Idea Empresarial,  aberto a público en xeral. Máis información en www.deputacionlugo.gal

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo e 20 alumnos de FP do Centro Alta Montaña, do Concello de Becerreá visitaron este xoves empresas consolidadas na provincia, que están a recibir formación e asesoramento gratuíto para emprender, a través do IV Campus de Emprendemento Sostible. Estes estudantes súmanse aos outros 40 participantes do I.E.S San Rosendo, en Mondoñedo, e do I.E.S. A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei, que xa comezaron coa súa formación.

López Izquierdo subliñou que “a través deste plan, impulsamos o emprego na provincia ofrecendo a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais consolidadas. Ademais, ofrecemos visitas ás empresas, como hoxe, co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e incrementando os seus beneficios”.

Por primeira vez, esta programación impártese nos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Trátanse do IES San Rosendo, en Mondoñedo; do IES A Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro de Rei; e do Centro Alta Montaña, en Becerreá.

A Deputada de Medio Ambiente e os estudantes do Centro Alta Montaña comezaron a xornada visitando Vida de Aldea, unha explotación gandeira, principalmente láctea, de Outeiro de Rei, que traballa nun proxecto de impulso ao medio rural e de implicación directa do consumidor cos produtos agrogandeiros para tentar eliminar intermediarios con motivo da baixa do prezo do leite. Durante esta visita,  Jesús xxx, da empresa Volta ó Sacho, explicou o seu proxecto, xa que él era un empresario de vernizados que, tras á crise, se reconverteu á agricultura ecolóxica. Para rematar o recorrido, visitaron o obradoiro de Idoia Cuesta, recoñecida artesán de cestería e téxtil, que xa traballa a nivel internacional.

Campus aberto ao público
O 4º curso está aberto ao público en xeral, con prazas para 20 persoas, e terá lugar no Centro de Interpretación de Terras do Miño, durante a semana do 21 de novembro. Este curso en aberto do Campus chámase Maduración da Idea Empresarial, pois está dirixido a persoas que xa teñen máis avanzada a súa idea de negocio.

Así, ofrecerase asesoramento sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental ou económica-financeira dos proxectos, que se complementará con visitas a empresas consolidadas como Milhulloa, Granxa Maruxa, Parada das Bestas ou Arqueixal. Rematadas as clases teóricas e prácticas, haberá titorías individuais para un asesoramento máis personalizado co obxectivo de culminar as ideas empresariais.

O prazo de solicitude para o Campus de Maduración da Idea Empresarial está aberto. Máis información en www.deputacionlugo.gal e no 982227812.