Deputación de Lugo

Mañá é o derradeiro día para que empresas e entidades sociais da provincia soliciten o Ben Empregado 3

- Serán excluídos os beneficiaron do Ben Empregado 1 e 2 que non contratasen aos traballadores tras deixar de recibir a subvención da Deputación - O máximo da axuda é de 22.000 euros. A Deputación subvenciona o 100% se os contratados son persoas con capacidades diferentes ou se as contratistas son colectivos sen ánimo de lucro. En caso contrario, a subvencionase o 50% - Primaranse os proxectos para contratacións indefinidas, que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación, os de mozos, mulleres e maiores de 45 anos - En www.deputacionlugo.gal está publicada toda a documentación a presentar

Mañá, mércores 19 de outubro, é o derradeiro día para que empresas e entidades sociais de toda a provincia poidan concorrer ás axudas do Ben Empregado 3. Está dotado con 2,3 millóns de euros para sufragar os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lucenses durante un ano. En www.deputacionlugo.gal está toda a documentación a presentar no Rexistro Xeral da Deputación ou en calquera das dependencias administrativas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

O Ben Empregado 3 contempla 2 liñas de actuacións:

- Unha dirixida a empresas lucenses, ás que a Deputación ofrece subvencionar o 50% da contratación de desempregados lucenses e o 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. Por exemplo, mulleres vítimas de violencia de xénero, cidadáns con problemas sensoriais, físicos ou psíquicos, ex-reclusos ou veciños de etnia xitana, entre outros.

- A segunda liña de actuación está dirixida a entidades e colectivos sen ánimo de lucro. Neste caso, a Deputación subvencionará ao 100% a contratación de desempregados lucenses.

Nesta terceira convocatoria, establécese un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade, coa que sufragar os custos laborais e salariais dos traballadores, polo que as empresas e entidades poderán contratar o número de traballadores que necesiten, respectando, sempre, os seus dereitos laborais.

Requisitos
As subvencións a empresas e entidades serán por réxime de concorrencia competitiva. Poderán concorrer ás mesmas todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás aquelas que se beneficiasen do Ben Empregado 1 e 2 e non contrataran finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.

Esta 3ª edición do programa Ben Empregado, ten un marcado carácter social, co que se busca, ademais de seguir xerando empregos de calidade na provincia e blindar os dereitos laborais dos traballadores, dignificalos coa incorporación de máis cláusulas sociais.

Polo tanto, ademais das melloras con respecto aos convenios; valoraranse, positivamente, as propostas que impliquen contratacións indefinidas de traballadores; que inclúan medidas de conciliación, cursos de formación ou melloras no sistema produtivo. Estas cláusulas sociais incorporaranse nos contratos laborais dos traballadores.

As empresas e entidades beneficiadas terán a obrigación de cumprir coas cláusulas sociais. De non facelo, perderán a subvención. A Deputación establece máis medidas de control. Por exemplo, os 10 primeiros días de cada mes terán que notificar ao organismo provincial, con documentación oficial, o ingreso das nóminas aos traballadores.

Capacidades diferentes
Ao respecto da contratación de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral a Deputación conta con máis de 300 perfís profesionais que serán trasladados ás empresas e entidades beneficiarias, co fin de facilitar a contratación destes profesionais.

Unha das novidades é a posta en marcha, dende a Deputación, dun Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. A outra é que o organismo provincial sufragará o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes leven a cabo o seu traballo.