Deputación de Lugo

Deputación, Concello e USC ofrecen máis actividades gratuítas a través do Lugo Cultural

- Trátase do convenio Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela co que se ofrecen actividades lúdico-culturais durante todo o ano
- Este martes presentouse o ciclo Lubicán, a proposta musical do Lugo Cultural para potenciar a presentación de novos traballos de música galega durante a primavera
- Durante o 2016, participaron máis de 5.000 persoas en todas as actividades organizadas no Lugo Cultural, duplicando o número con respecto ao 2015

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, xunto á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre Vázquez, e á Vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María del Carmen Silva Domínguez, presentaron este martes no Centro Arqueolóxico de San Roque, Lubicán, o 2º ciclo de actividades gratuítas que forma parte da nova programación do Lugo Cultural. Estas actividades están enmarcadas dentro do convenio de colaboración da Deputación, Concello de Lugo e Universidade de Santiago de Compostela, dotado de 60.000 euros. Cada entidade achega 20.000 euros.

García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación ofrecemos unha ampla programación de actividades lúdico-culturais totalmente gratuítas aos lucenses durante todo o ano. Ademais, seguimos a colaborar de maneira activa co Concello de Lugo e coa USC, en concreto co Campus Terra, a través do Convenio Lugo Cultural, porque con este tipo de iniciativas fomentamos e impulsamos o traballo dos artistas galegos”.

Lubicán
Lubican é o 2º ciclo do Lugo Cultural, unha proposta musical para potenciar a presentación de novos traballos da música galega. A programación deste curso é:
- O 24 de febreiro ás 21:00 horas na Casa do Saber: Milesios presentará Indoevindo.
- O 3 de marzo ás 21:00 horas na Casa do Saber: Xoán Curiel presentará Ecuacións.
- O 30 de marzo ás 21:00 horas na Casa da Cultura: Ataque Escampe presentará o traballo Primeiros Bicos.
- O 21 de abril ás 21:00 horas na Casa do Saber: Mónica de Nut e Luís Martíns presentarán Raíces aéreas.
- O 27 de abril ás 21:00 horas na Praza de Santa María: Crebinsky presentará Zirkus Affe.
- O 25 de maio ás 21:00 horas na Praza de Santa María: León Benavente presenta 2.

Xoves de Moda
Outro ciclo será Os xoves de Moda, unha iniciativa xurdida como complemento do Lubicán e orientada a coñecer máis de preto proxectos interesantes en outras artes. A programación será:
- O 9 de marzo ás 21:00 horas na Casa do Saber: Presentación do Documental Os Días Afogados na que participarán os seus directores Luis Avilés e Cesar Souto.
- O 11 de maio ás 21:00 horas na Casa do Saber: Cóntoche un traxe con Montse Rivera
- O 8 de xuño ás 21:00 horas na Casa do Saber: Obradoiro do Espectador con Chévere no que participarán Xesús Ron e Patricia de Lorenzo.