Deputación de Lugo

400 variedades de camelias enchen esta fin de semana o Museo Provincial nunha mostra gratuíta e aberta ao público

A Deputada de Cultura inaugurou este sábado a IV Exposición da Camelia, na que participan preto de 20 expositores chegados de toda Galicia

O Claustro do Museo Provincial de Lugo acolle esta fin de semana a IV Exposición da Camelia, na que participan preto de 20 expositores chegados de toda Galicia, dende a zona do Rosal de Pontevedra ata a zona de Ribeiras do Sor na Coruña.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, inaugurou hoxe esta mostra, nun acto que estivo amenizado cun concerto de guitarra clásica a cargo de Arnt Bünz, profesor de guitarra clásica e eléctrica polo conservatorio Johanes Brahns de Hamburgo, xunto ao seu alumno José Juan López.

É a cuarta exposición que leva a cabo a Asociación Galega da Camelia en Lugo para transmitir, compartir e difundir a beleza desta planta polo seu interese estético e histórico, ao tempo que se dinamiza a actividade lúdica da cidade amurallada.

En cada mesa, preséntase a colección de camelias dun só expositor e as flores dispóñense en pequenos grupos que conteñen unha mesma variedade. En total, calcúlase que existen entre 20.000 e 30.000 variedades rexistradas. Durante a exposición pódense contemplar aproximadamente 400 variedades diferentes de camelias, todas elas cultivadas en Galicia.

A mostra estará aberta no seguinte horario: o sábado de 10:30 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:00 horas; e o domingo, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.