Deputación de Lugo

30 escolares de Cervantes participan nas Xornadas de Apicultura organizadas polo Goberno da Deputación

- 19 alumnos de Secundaria e outros 7 de Primaria do CPI de Cervantes, acompañados de 4 profesores, participaron nun obradoiro de introdución á apicultura na Casa das Abellas de Abegondo - As xornadas, organizadas pola Reserva da Biosfera dos Ancares, divulgarán as posibilidades económicas da apicultura nos Ancares a través de diferentes actividades que se desenvolverán entre marzo e setembro.

Preto de 30 alumnos de Primaria e Secundaria do CPI de Cervantes, acompañados dos seus profesores, participaron hoxe a Casa das Abellas de Abegondo, nas xornadas “A apicultura como actividade económica complementaria nos Ancares”, organizada polo organismo provincial. Os estudantes, 19 alumnos de Secundaria e outros 7 de Primaria, puideron coñecer de primeira man as colmeas e os instrumentos do apicultor, así como a importancia desta actividade en Galicia.

A programación das Xornadas de Apicultura desenvolverase en catro sesións entre marzo e setembro, con desprazamentos a diferentes centros apícolas de Galicia. Logo desta xornada introdutoria á apicultura que vén de celebrarse en Abegondo, o alumnado participarán noutras tres sesións formativas, coas seguintes temáticas: iniciación á apicultura, o 20 de abril no Centro do Queixo e do Mel, en Arzúa; a apicultura de montaña, en Seoane do Courel, o 24 de  maio. E finalmente, as xornadas pecharanse o 29 de setembro cos obradoiros prácticos de extracción de mel e catas, que terán lugar no CPI de Cervantes.

As Xornadas inclúen 25 prazas para o público en xeral, das que 12 xa foron reservadas. A inscrición é gratuíta e pode realizarase a través do correo electrónico ancareslucenses@deputacionlugo.org ou no teléfono 982-227-812.

Actividade emerxente
A iniciativa de organizar unhas xornadas sobre apicultura xurdiu na última reunión do órgano de participación da Reserva Biosfera os Ancares Lucenses, celebrada o pasado mes de decembro, a proposta do CPI de Cervantes e da ANPA do centro educativo. Desta iniciativa, beneficiaranse 19 alumnos de Secundaria e outros 7 de, acompañados de 4 profesores e do director do centro educativo.

Nos últimos anos, a apicultura nos Ancares está rexurdindo como actividade económica complementaria e cada vez máis xente nova se interesa por tomar o relevo dos antigos abelleiros. A importancia que ocupou esta actividade no pasado quedou reflectida na toponimia e nas múltiples construcións existentes para abrigar as colmeas dos ataques do oso.