Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aproba melloras de 332.400 euros na estrada de Sober a Doade, que conduce aos miradoiros do Sil

- Son traballos na estrada LU-P-5903, onde se efectuarán obras de pavimentación e ensanche da estrada, que pasará dos 4 aos 5,5 metros - Rivera Capón destacou que “a ampliación da estrada beneficiará non só aos veciños de Sober senón tamén os centos de turistas que visitan a zona, xa que se trata dunha das principais vías turísticas da Ribeira Sacra” - O Executivo aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para iniciar as obras en 6 estradas doutros tantos Concellos, por un valor conxunto de 880.000 euros

O Goberno da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno obras de mellora, por valor de 332.390 euros, na estrada LU-P-5903, de Sober a Doade, nun treito de 2,5 quilómetros. Os traballos, que teñen un prazo de execución de un mes, permitirán ampliar a estrada dos 4 aos 5,5 metros con aglomerado en quente e mellorar, deste xeito, unha das vías de comunicación máis transitadas da Ribeira Sacra, especialmente, nas fins de semana.

Así o comunicou o vicevoceiro do Goberno, Pablo Rivera Capón, que destacou que “esta é unha obra moi esperada, que suporá un grande beneficio para os 2.300 habitantes do Concello de Sober e tamén para os centos de turistas que visitan a zona a Ribeira Sacra, xa que esta estrada conduce aos principais miradoiros do Canón do Sil e ás adegas”.

As obras que se van realizar consisten no ensanche da estrada, que pasará dos 4 aos 5,5 metros, pavimentación, traballos de aglomerado en quente e limpeza de cunetas. O organismo provincial xa efectuara anteriormente tarefas de mantemento e de aglomerado en quente nesta vía, pero sen ensanche.

Doutra banda, a Xunta de Goberno da Deputación resolveu a contratación do subministro de emulsión asfáltica para o Parque Móbil provincial, co obxectivo de acondicionar estradas, por valor de 366.000 euros, en dúas anualidades.

Obras en 6 estradas por valor de 880.000 euros
Noutra orde de asuntos, o Executivo aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para iniciar as obras en 6 estradas doutros tantos Concellos da provincia, por valor, no seu conxunto, de 880.000 euros. Trátase das seguintes actuacións:

Pol: rehabilitación do firme da LU-P-4603, “de Torneiros, por Hermunde, a Pol”, entre os puntos quilométricos 3,510 e 5,010. Conta cun orzamento de 86.470 euros.
A Pontenova: rehabilitación do firme da LU-P-1904, “de Fonsagrada a Pontenova”, entre os puntos quilométricos 16,500 e 27,570. Conta cun orzamento de 295.725 euros.
Xermade: acondicionamento da LU-P-2204, “de Momán ás Pontes a Porto Souto”, entre os puntos quilométricos 2 e 4. Contan cun orzamento de 414.515 euros.
A Pastoriza: colocación dunha varanda na marxe dereita da estrada LU-P-0102 “de Fontevella a Carrizal”, concretamente, no punto quilométrico  6,8. Conta cun orzamento de 16.028,93 euros.
Guitiriz: Reparación do tallamar na LU-P-2101 “de Friol a Parga”, no punto quilométrico 18,5. Conta cun orzamento de 22.194,39 euros.
Vilalba: rehabilitación superficial do firme con aglomerado en quente nun treito de preto de 1 quilómetro da LU-P-6502 “de Vilalba, pola Balsa, a Chavín”. Conta cun orzamento de 49.115,03 euros.
O Plan de Seguridade e Saúde no Traballo é un trámite imprescindible para poder iniciar as obras. Está previsto que os traballos comecen na primavera.

Convenio cos Concellos para a Administración electrónica
O Goberno da Deputación tamén acordou prorrogar o Convenio de colaboración cos 66 Concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes para adaptar e adecuar as súas sedes electrónicas á nova lei, dotado con 300.000 euros.

Aniversario de Rosalía
Pablo Rivera acudiu á rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno cunha rosa vermella, un dos agasallos que o Goberno da Deputación entregará este venres aos visitantes dos 4 museos provinciais, con motivo do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.

O Deputado Provincial destacou a aposta do Executivo por promover o nome e a obra desta figura de referencia na cultura galega. Así, durante a xornada de hoxe entregaranse 250 láminas acompañadas de rosas, ás persoas que visiten o Museo Provincial de Lugo, o Pazo de Tor, San Paio de Narla, o Museo do Mar e a Capela de Santa María.

A lámina contén o poema Adiós ríos, adiós fontes e unha ilustración de Rosalía de Castro creada por Noemí López Vázquez; pertence á colección da exposición Imaxinando Cantares Gallegos, do Centro de Artesanía e Deseño.