Deputación de Lugo

Deputación e Concello fan posible unha nova edición do histórico Rallye San Froilán

- A proba automobilística celebrará os días 21 e 22 de outubro a súa 38 edición, co apoio principal do organismo provincial que achega 28.000 euros. Terá un percorrido de 400 quilómetros polos Concellos de Láncara, Pol, Outeiro de Rei e Begonte - Campos Conde subliñou que “dende que se celebrou por primeira vez no ano 1978 congrega a milleiros de afeccionados que se achegan a vivir a emoción dunha proba única, contando coa participación de pilotos da talla de Sergio Vallejo ou Pedro Burgo” - No acto de presentación tamén participou o vencedor da 5ª edición do Volante Deputación, Joshua Polo, que disputará o Rallye San Froilán aos mandos dun Suzuki Swift Copa, co patrocinio do organismo provincial

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este sábado o XXXVIII Rallye San Froilán, organizado pola Escudería Miño co patrocinio principal da Deputación. O organismo provincial realiza unha achega anual de 28.000 euros para a celebración desta proba deportiva, consolidada no calendario automobilístico, que reunirá durante os días 21 e 22 de outubro nos Concellos de Láncara, Pol, Outeiro de Rei e Begonte a miles de afeccionados ao mundo do motor.

No acto, que tivo lugar na Praza da Milagrosa, tamén participaron o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo Páez, o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, así como os Alcaldes dos Concellos polos que transcorrerá a proba: Láncara, Pol, Outeiro de Rei e Begonte. Tampouco quixeron faltar a esta cita os pilotos lucenses Pedro Burgo, gañador en seis edicións do Rallye San Froilán, e Sergio Vallejo, campión nos anos 2010 e 2013.

Darío Campos subliñou que “esta competición automobilística é unha das máis prestixiosas non só da nosa provincia, senón tamén a nivel galego e estatal. Dende que se celebrou por primeira vez no ano 1978 congrega a milleiros de afeccionados que se achegan a vivir a emoción dunha proba única, contando coa participación de pilotos da talla de Sergio Vallejo ou Pedro Burgo, que hoxe nos acompañan, ambos os dous con numerosos títulos nas súas vitrinas”.

Un dos grandes protagonistas da presentación foi Joshua Polo, o vencedor da 5ª edición do Volante Deputación, que disputará o Rallye San Froilán dentro da estrutura do equipo de competición de PTC Escuela aos mandos dun Suzuki Swift Copa, con todos os gastos pagos, realizando test do vehículo de competición, adestramentos da proba e o propio rallye totalmente de balde, grazas ao apoio da Deputación.

Percorrido
O 38º Rallye San Froilán, puntuable para o Campionato Galego de Rallyes, consta dun percorrido de 400,56 quilómetros, dos cales 85 quilómetros corresponden a oito treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ó tráfico; está dividido en unha etapa e catro seccións. Así mesmo, o rallye contará con 4 parques de asistencia.

Programación

DATA

CC AS TERMAS